O xerente do Servizo Galego de Saúde visita a Central de Coordinación do 061 na Estrada, que en 2025 recibiu máis de 1,1 millóns de chamadas

O 93 % destas chamadas obtiveron resposta en menos de 10 segundos

En 341.255 ocasións foi necesaria a mobilización de ambulancias de soporte vital avanzado ou de soporte vital básico, helicóptero medicalizado do 061, ambulancias de apoio ou persoal de Atención Primaria

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, visitou hoxe as instalacións e a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 no concello da Estrada, que en 2025 recibiu 1.123.240 chamadas, o que supón unha media de 3.077 ao día.

Na visita, na que estivo acompañado polo director do 061, Román Gómez, o xerente do Sergas coñeceu de primeira man o traballo que realizan os profesionais da Central de Coordinación durante o pasado ano.

O 93 % das chamadas recibidas na central obtiveron resposta en menos de 10 segundos. Este é o tempo que transcorre desde que un cidadán en situación de urxencia ou emerxencia sanitaria chama ao 061 e un teleoperador da Central de Coordinación atende a súa demanda.

En 341.255 ocasións foi necesaria a mobilización de ambulancias de soporte vital avanzado (medicalizadas ou de enfermería), ambulancias de soporte vital básico, helicóptero medicalizado do 061, ambulancias de apoio ou persoal de Atención Primaria.  Así mesmo, en 781.985 chamadas non foi necesaria a mobilización de recursos. 

O xerente do Sergas tamén coñeceu os distintos programas que desenvolve o 61 en colaboración con outras entidades, como o programa Alerta Escolar, con 10.043 participantes; o Ariadna, con 3.837; o programa Alerta Corazón, con 27.030 persoas inscritas; ou o Alerta Anafilaxia, con 575 inscritos.

Tamén foi informado dos datos do Rexistro DESA, con 3.452 desfibriladores rexistrados fóra do ámbito sanitario.

A través do teléfono 061 poden realizarse consultas sanitarias e ser atendido en caso de urxencias ou emerxencias extrahospitalarias, as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2026