Medio Rural reforza a promoción dos viños galegos no Brasil a través de Discovery Galician Wines
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou de xeito telemático nesta iniciativa dirixida a 25 profesionais brasileiros do sector vitivinícola, coa participación de Wine & Spirit Education Trust e da escola EnoCultura de São Paulo
A iniciativa permite afondar no coñecemento das cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas, das variedades autóctonas e da singularidade dos diferentes territorios produtores
A acción forma parte da estratexia da Consellería para incrementar o coñecemento e a presenza dos produtos galegos de calidade diferenciada nos mercados internacionais
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, participou hoxe de xeito telemático no curso Discovery Galician Wines, unha iniciativa formativa para reforzar a promoción dos viños galegos en Brasil. A iniciativa conta coa participación de profesionais vinculados ao Wine & Spirit Education Trust (WSET) e coa colaboración de EnoCultura, escola especializada con sede en São Paulo e referente na formación sobre viño no mercado brasileiro.
A actividade reuniu a 25 profesionais brasileiros, que se achegaron á diversidade e singularidade da produción vitivinícola galega mediante formación especializada e unha masterclass en liña acompañada dunha cata de viños representativos das cinco denominacións de orixe de Galicia: Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei.
Formar prescritores para abrir mercado
A Consellería do Medio Rural aposta con esta iniciativa por dirixir parte das súas accións promocionais a profesionais con capacidade de prescrición, co obxectivo de que incrementen o seu coñecemento sobre os viños galegos e poidan contribuír posteriormente á súa identificación, recomendación e difusión no mercado brasileiro.
Así, os participantes accederon ao curso especializado en inglés Galicia Wine Specialist e participaron nunha masterclass impartida por Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy, acompañada dunha cata de seis viños que ofrecen unha visión conxunta da realidade vitivinícola galega.
Deste xeito, a acción busca transmitir non só a calidade dos viños de Galicia, senón tamén os elementos que os diferencian: a diversidade dos seus territorios vitícolas, o protagonismo das variedades autóctonas, a vinculación coa orixe e un modelo de produción no que territorio, paisaxe e tradición vitivinícola forman parte da identidade do produto.
O viño, referente da calidade diferenciada galega
O sector vitivinícola ten ademais un papel protagonista dentro da calidade diferenciada de Galicia. A comunidade conta con cinco denominacións de orixe e cinco indicacións xeográficas protexidas de viño, que contribúen a identificar e protexer producións estreitamente vinculadas ao territorio e ás variedades tradicionais galegas.
Por iso, a internacionalización e a procura de novas oportunidades para estas producións constitúen un dos eixos da política promocional da Xunta. Accións como Discovery Galician Wines complementan a presenza dos viños galegos en feiras e encontros profesionais nacionais e internacionais, apostando neste caso pola formación e a prescrición como ferramentas para abrir mercado e consolidar o coñecemento da marca Galicia no exterior.