Declarada a situación 2 como medida preventiva no incendio do concello lucense de Quiroga, parroquia de Pacios da Serra

O lume iniciouse ás 15.25 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 320 hectáreas

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026

A Consellería do Medio Rural informa da declaración, como medida preventiva, da Situación 2 no incendio forestal activo que se rexistra no concello lucense de Quiroga, parroquia de Pacios da Serra. Esta situación operativa de emerxencia decrétase pola proximidade do lume aos núcleos de Casa do Vello, As Barxas e Penarrubia.

Este lume iniciouse ás 15.25 horas de onte martes e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 320 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 10 técnicos, 39 axentes, 49 brigadas, 35 motobombas, 8 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 12 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

Data de actualización: 16/09/2026