O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, Manuel Fonseca Gómez, asinaron a colaboración anual
A Consellería de Sanidade e a Federación de Irmandades de Doadores de Sangue renovan a súa colaboración a prol do fomento da hemodoazón en Galicia
O acordo, cun investimento da Xunta de 58.200 euros, ten como obxectivo contribuír a sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de doar sangue de xeito habitual
Nas campañas realizadas por ADOS no pasado ano, Galicia rexistrou unha cifra de 105.337 doazóns de sangue, situándose como a terceira comunidade en índice de participación
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, Manuel Fonseca Gómez, veñen de asinar un novo convenio de colaboración para fomentar a hemodoazón en Galicia.
O acordo, que se renova anualmente, conta cunha achega económica do Executivo galego de 58.200 euros, posibilitando o desenvolvemento de accións informativas, formativas e de sensibilización a prol da creación dunha conciencia social favorable ao solidario xesto da doazón na comunidade.
A federación coordinarase co Servizo Galego de Saúde, por medio da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), para levar a cabo iniciativas destinadas ao fomento da doazón de sangue.
Neste sentido, os integrantes da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue participan nas campañas de fomento da doazón en medios de comunicación de Galicia; distribúen información vencellada coa doazón; percorren os distintos concellos galegos contactando directamente coa cidadanía; promoven charlas e atenden todos os requirimentos dos doantes nas súas oficinas, tanto de xeito persoal como de xeito telefónico.
No acto de sinatura deste acordo tamén estiveron presentes o xefe da área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados da ADOS, Gerardo Hermida Fernández, e o secretario da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, José Manuel Otero.
Grazas á solidariedade da cidadanía galega, nas campañas realizadas pola ADOS no pasado ano, a comunidade rexistrou unha cifra de 105.337 doazóns de sangue en 2025, situándose como a terceira en índice de participación, cunha taxa de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cinco puntos por riba da media estatal.