A Xunta aposta por industrializar a innovación e levar todo o potencial da intelixencia artificial a máis empresas galegas

A directora do Igape, Covadonga Toca, destaca na II edición de GALIA TECH que Galicia parte dunha posición avanzada, cun tecido empresarial e un ecosistema innovador que xa están incorporando a intelixencia artificial e outras novas tecnoloxías á súa actividade

A directora do Igape subliña que o reto pasa por conseguir que o coñecemento, a tecnoloxía e o talento se traduzan en novos produtos, actividade empresarial, crecemento e emprego

Pon en valor o papel de DATAlife e dos hubs de innovación dixital para conectar as capacidades tecnolóxicas coas necesidades reais das empresas e facilitar que a innovación chegue tamén ás pemes.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na apertura da segunda edición de GALIA TECH, organizada por DATAlife, onde destacou o avance da intelixencia artificial no tecido empresarial galego.

Neste sentido, sinalou que, fronte a unha primeira edición centrada nas oportunidades desta tecnoloxía, o encontro permite este ano coñecer xa experiencias e casos reais de aplicación, mostrando como a IA está entrando nas empresas e contribuíndo á transformación da súa actividade.

Durante a súa intervención, Toca subliñou que “Galicia xa está innovando” e conta con empresas que incorporan novas tecnoloxías, universidades e centros de coñecemento que as desenvolven, startups con solucións avanzadas e sectores empresariais consolidados que atopan na innovación novas oportunidades para seguir medrando e competindo. “Non partimos de cero. Partimos dunha posición avanzada”, sinalou, incidindo en que o reto agora é conseguir que todo ese coñecemento e tecnoloxía cheguen cada vez a máis empresas e se traduzan en competitividade, crecemento e emprego.

Neste contexto, a directora do Igape defendeu a necesidade de “industrializar a innovación”, é dicir, conseguir que o coñecemento, a tecnoloxía e o talento existentes en Galicia se traduzan cada vez máis en actividade empresarial. Trátase de levar a innovación ás fábricas e ás pemes, transformar procesos, desenvolver novos produtos e xerar oportunidades de negocio, pero tamén de favorecer que as empresas innovadoras galegas poidan medrar, gañar dimensión e competir noutros mercados. Toca destacou neste sentido a oportunidade de conectar a fortaleza dos sectores consolidados de Galicia cun ecosistema tecnolóxico e innovador cada vez máis potente.

Finalmente, tamén puxo en valor a colaboración do Igape con DATAlife e o papel de GALIA TECH como punto de encontro entre coñecemento, tecnoloxía e empresa, especialmente para facilitar que as pemes poidan identificar e incorporar as solucións que realmente lles achegan valor. A directora incidiu en que “a innovación non é unha meta, senón un camiño de longo percorrido”, e apostou por seguir avanzando para que o potencial da IA e do conxunto das novas tecnoloxías chegue a máis empresas e se traduza en máis actividade económica e maior competitividade para Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2026