O presidente da Xunta participou na inauguración do novo Spain Technical Center da compañía en Nigrán

Rueda destaca o papel estratéxico do novo centro de BorgWarner como motor da mobilidade sostible e da captación de talento investigador

Subliña que este centro de investigación de vangarda, de máis de 5.000 m² no parque empresarial Porto do Molle, consolida a rexión como un polo tecnolóxico de referencia

“Se facemos as cousas con sentidiño, sen medo, con rigor, pero sen deixar pasar oportunidades, moitísimas persoas que se forman en Galicia, e outras que se formaron noutros lugares pero queren traballar aquí terán unha oportunidade”, asegura

O Goberno autonómico achegou 5 dos 12 millóns de euros de investimento total necesarios para facer realidade esta infraestrutura estratéxica

O proxecto reforzará o ecosistema de I+G+i, o I+D+i galego, contribuíndo a reter e atraer talento mozo e especializado no sector da automoción e noutras industrias estratéxicas

Nigrán (Pontevedra), 17 de setembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel estratéxico do novo Spain Technical Center de BorgWarner en Nigrán como un motor clave para situar a Galicia na primeira liña da mobilidade sostible global e fortalecer a captación de talento investigador na comunidade.

“Nun mundo como o da mobilidade, que evoluciona tan rápido e con tantas incertezas de todo tipo —tecnolóxicas, económicas, políticas e sociais—, teño a seguridade de que o que pase nos vindeiros anos decidirase, en grande parte, co que se deseñe neste centro tecnolóxico”, asegurou Rueda durante a inauguración oficial deste novo centro no polígono empresarial Porto do Molle, no que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.

Durante o acto, o titular do Goberno galego puxo en valor a traxectoria de BorgWarner na comunidade e o seu compromiso coa “formación de talento e retelo”, subliñando que este centro de investigación de vangarda consolida a rexión como un polo tecnolóxico de referencia. “Se facemos as cousas con sentidiño, sen medo, con rigor, pero sen deixar pasar oportunidades, moitísimas persoas que se forman en Galicia, e outras que se formaron noutros lugares pero queren traballar aquí terán unha oportunidade”, indicou.

As novas instalacións, que contan con máis de 5.000 metros cadrados, supuxeron un investimento global de 12 millóns de euros, dos cales a Xunta achegou 5 millóns. Así, Rueda insistiu na importancia da colaboración público-privada para multiplicar o impacto dos recursos e garantir que Galicia manteña a súa competitividade.

Así mesmo, asegurou que o centro converterase na "casa do coñecemento" para profesionais e investigadores de alta cualificación encargados de deseñar as solucións tecnolóxicas que alimentarán aos principais fabricantes globais de automóbiles.

Impulso á I+G+i

A actividade investigadora deste novo polo tecnolóxico non só impactará no eido da electromobilidade e da automoción cara a unha mobilidade máis limpa e eficiente, senón que as súas innovacións poderán estenderse a outros sectores clave para Galicia, como a industria naval.

Así mesmo, Alfonso Rueda salientou que este proxecto contribúe de xeito directo a reforzar e engrandecer a rede e o ecosistema de I+G+i da comunidade, creando novas oportunidades laborais para o talento mozo e favorecendo o retorno de profesionais galegos no exterior.

Do mesmo xeito, o presidente da Xunta enmarcou esta apertura no contexto de éxito que vive a automoción galega, un sector estratéxico que o ano pasado acadou un récord histórico de facturación de 13.300 millóns de euros, representa preto do 30 % do total das exportacións de Galicia e sostén máis de 24.000 empregos directos.

“Que este centro estea en Galicia quere dicir que se recoñece toda esa bagaxe na automoción que temos, todo ese ecosistema que rodea a propia fabricación de vehículos;  empresas como esta, que supoñen miles de postos de traballo, e que seguen vendo unha vez máis que aquí en Galicia non só hai moito presente no mundo da automoción, senón sobre todo moitísimo futuro”, manifestou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2026