O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou na inauguración da cita que acolle o municipio lucense desde hoxe ata o domingo

A Xunta destaca o papel do Encontro internacional de torneiros da madeira de Xermade na potenciación deste oficio artesanal ligado ao territorio

José González pon en valor o traballo da Asociación de Amigos da Madeira, impulsora desta iniciativa que apoia o Goberno galego e que contribúe a evolucionar o oficio con esta cita na que se visibiliza a innovación en métodos, técnicas e materiais

Subliña que este labor vai acompañado polo Centro Internacional de Torneiría A Reitoral que alberga Xermade, un espazo situado nunha antiga reitoral rehabilitada e referente na formación e a divulgación deste oficio tradicional

Reafirma o compromiso autonómico coa artesanía de Galicia a través de distintos apoios e medidas e reflectido no Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030

Xermade (Lugo), 18 de setembro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na inauguración da 26 edición do Encontro internacional de torneiros da madeira de Xermade, onde salientou a traxectoria desta cita de referencia en toda Europa e que conta co apoio do Goberno galego desde os seus inicios. Nesta liña, o conselleiro agradeceu o labor da Asociación de Amigos da Madeira, impulsora desta iniciativa a prol da difusión e recuperación deste oficio artesanal ligado ao territorio.

Unha actividade, engadiu, que esta entidade contribúe a evolucionar pois, con este encontro —que se celebrará desde hoxe ata o domingo— visibilizan a innovación en métodos, técnicas e materiais como vía imprescindible para o seu mantemento e futuro. De feito, a programación inclúe demostracións, formación e exposicións da man de profesionais de prestixio na materia de orixe nacional e do resto de Europa.

Neste sentido, contará coa participación de torneiros que teñen unha dilatada experiencia e importantes recoñecementos neste campo como Pierre Cornëlis, de Francia; Kevin Hutson, de Reino Unido; Paulo de Tarso, de Portugal e Lolo Castro, de Galicia e un dos mellores artesáns torneiros de madeira de Europa e dos principais impulsores deste Encontro. Ademais, as persoas asistentes poderán visitar a exposición de pezas realizadas polos participantes do encontro,  así  como as obras da exposición itinerante CONtornos, que acada este ano a súa XVII edición.

González tamén subliñou que todo este traballo que reflicte o encontro vai acompañado polo Centro Internacional de Torneiría A Reitoral que alberga o concello de Xermade. Trátase dun espazo de referencia para a formación, a demostración e a divulgación deste oficio tradicional, que está situado nunha antiga reitoral rehabilitada e que levará o nome de Fernando Vérez, en memoria  e recordo del, que foi un dos maiores impulsores do oficio e do Encontro internacional de torneiros.

Apoio autonómico á artesanía de Galicia

O conselleiro enmarcou o apoio da Xunta a esta cita na aposta autonómica pola artesanía de Galicia polo seu rol definitorio da idiosincrasia e tradición galegas e tamén polo que supón como motor económico no rural galego e como vertebrador do noso territorio.  Neste ámbito, subliñou o papel da Fundación Artesanía de Galicia e o selo de calidade Artesanía de Galicia que impulsa esta entidade.

Ademais, referiuse a apoios como os destinados ao fomento da comercialización da artesanía de Galicia —265.000€ en 2026— e á liña específica dotada con 1 M€ dentro da orde de Primeira Experiencia Profesional para incentivar contratos formativos de aprendices en oficios artesanais. Unha aposta expuxo, recollida no Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030, que conta con medidas específicas para fomentar a remuda xeracional e as novas vocacións no eido artesanal como o programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas.

Premios Artesanía de Galicia

Outra acción que promove o Goberno galego para potenciar este sector e que lembrou o conselleiro son os Premios Artesanía de Galicia, nos que as persoas interesadas se poden inscribir desde o 21 de setembro ata o 1 de outubro. Consta de tres categorías: Premio Artesanía de Galicia —dotado con 9.000 euros—, Premio Traxectoria —de carácter honorífico e sen dotación económica— e as Bolsas Eloy Gesto, que outorgarán ata tres bolsas de 4.000 euros cada unha para investir en formación especializada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2026