A Xunta licita a obra de mellora urbana, paisaxística e de accesibilidade do parque Alcalde Ordóñez, no Porriño, por un orzamento de máis de 425.000 euros
Trátase de transformar o espazo existente nun parque seguro, plenamente accesible, confortable climáticamente e cunha identidade paisaxística vinculada ao territorio
A Xunta, a través da Consellería de Vivenda e Planificación de infraestruturas, aporta o 70% do orzamento, e o Concello asume o 30% do orzamento restante
As obras enmárcase no Plan Hurbe, un programa da Xunta que contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais como motores de dinamización
As empresas poderán presentar as súas ofertas para estes traballos ata o 13 de outubro
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou por máis de 425.000 euros (425.797,98 euros) as obras de mellora urbana, paisaxística e de accesibilidade do parque Alcalde Ordóñez, no concello do Porriño.
As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 13 de outubro, tal como recolle a publicación da licitación desta obra na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.
A Xunta licita estas actuacións dando cumprimento ao convenio asinado co Concello do Porriño para impulsar estas intervencións, ao abeiro do Plan Hurbe. A través desta cooperación, a Consellería achegará o 70% do orzamento, contrata e executará as obras; e o Concello asumirá o 30% restante, e corresponderalle o mantemento das actuacións.
O obxectivo desta intervención é transformar o espazo existente nun parque plenamente accesible, confortable climáticamente e cunha identidade paisaxística vinculada ao territorio.
O ámbito de actuación ocupa 2.210 m² na intersección da rúa Antonio Palacios coa rúa Tarela, conformando un rueiro triangular.
As intervencións previstas incrementarán a seguridade de uso, abrindo visuais e eliminando puntos mortos, e garantirán a accesibilidade universal no conxunto do parque mediante itinerarios continuos e ramplas adecuadas.
Tamén se reforzará o dosel arbóreo xerando sombra natural e mellorando o confort térmico, e aumentarase a permeabilidade do chan mediante pavimentos drenantes e subbases recicladas.
Ademais, integraranse elementos de auga que actúen como reguladores térmicos e tamén espazos de xogo ou contemplación.
Reutilizaranse e reciclaranse os materiais existentes, especialmente pedra e áridos, reducindo o impacto ambiental e reforzando a identidade local vinculada ao granito do Porriño.
A través destas obras, integrarase o parque como unha bisagra verde urbana, conectando transversalmente tecidos urbanos e reforzando a rede ecolóxica municipal.
Estes traballos enmárcanse no Plan Hurbe, co que a Xunta colabora coas administracións locais para financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas.