A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, supervisou hoxe o inicio desta nova actuación
A Xunta inicia a construción doutras 43 vivendas públicas en Navia, cun investimento de máis de 7M€ e que se adxudicarán en réxime de compravenda
Allegue indicou que con esta actuación xa están en execución todos os inmobles previstos no polígono 1 deste barrio
Trátase de fogares de 1, 2, 3 e 4 dormitorios, a maioría de 3, todos con terraza, garaxe e rocho; e haberá 2 vivendas adaptados a persoas con mobilidade reducida
Explicou que en relación á adxudicación se realizarán cupos: o 30% das vivendas para a franxa de idade entre 35 e 45 anos, con fillos ou persoas dependentes a cargo; o 25% para menores de 36 anos; e o resto, sen límite de idade
Sinalou que será un edificio eficiente enerxeticamente, pois a fachada terá un sistema de illamento térmico co fin de manter estable a temperatura interior
O Goberno galego ten actualmente 927 vivendas públicas en diversas fases de execución en Vigo
Vigo, 18 de setembro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, supervisou hoxe o inicio de 43 novas vivendas públicas en Navia, que suporán un investimento de máis de 7M€ e se adxudicarán en réxime de compravenda.
Allegue indicou que con esta actuación xa están en execución todos os inmobles previstos no polígono 1, sumando 352 vivendas.
Detallou que este será un edificio accesible, luminoso, e eficiente enerxeticamente, pois a fachada constará dun sistema de illamento térmico polo exterior, o que contribuirá a manter máis estable a temperatura interior e polo tanto, suporá aforro económico para os futuros residentes.
Trátase de fogares de 1, 2, 3 e 4 dormitorios, aínda que a maioría contarán con 3 habitacións, todos con terraza, garaxe e rocho. Ademais haberá 2 vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida.
Explicou que en relación ao proceso de adxudicación, realizaranse cupos, é dicir, o 30% destas vivendas reservaranse para a franxa de idade entre os 35 e os 45 anos, con fillos ou persoas dependentes a cargo; o 25% delas para menores de 36 anos; e o resto, sen límite de idade.
Lembrou que a Xunta tamén ten aberta a posibilidade de solicitude do aval do 20% para cubrir a totalidade do préstamo hipotecario, non só para menores de 36 anos, senón tamén para compradores de vivenda protexida.
Fixo fincapé na aposta que está a materializar a Xunta pola vivenda en Vigo e lembrou que hai tan só dous días, comezaba a construción doutros 172 fogares no polígono 2 do barrio de Navia.
Recordou que en total o Executivo autonómico ten actualmente 927 vivendas públicas en diversas fases de execución, e con estas que veñen de comezar, xa son 524 en obras.