A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, presentou a guía coincidindo co primeiro día do evento

Ángeles Vázquez pon en valor o Caudal Fest como festival implicado coas boas prácticas que promove a Xunta coa súa guía para eventos de ocio e deportivos

Explica que o manual busca facilitar a incorporación da sostibilidade na planificación, organización, execución e avaliación de actos de diferentes dimensións, desde unha carreira popular ata eventos musicais multitudinarios pero tamén verbenas e romarías

Salienta que no caso do Caudal Fest se aplican xa varias medidas neste eido, destacando o uso de vasos reutilizables, a recollida selectiva dos residuos, o fomento do transporte público ou das entradas electrónicas para reducir o consumo de papel

As recomendacións organízanse na guía arredor de ámbitos como os consumos de enerxía, auga e os materiais necesarios para desenvolver a actividade, a xestión de residuos, as emisións, a contaminación acústica e a sensibilización ambiental

Lugo, 18 de setembro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o esforzo realizado polos promotores do festival de música independente Caudal Fest por fomentar e impulsar medidas en materia ambiental antes e durante o evento, un compromiso que, tal e como destacou, encaixa directamente coa nova Guía de boas prácticas para eventos deportivos e de ocio da Xunta.

Coincidindo co inicio do festival, que se celebra hoxe e mañá nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e este ano cumpre a súa oitava edición, a responsable autonómica presentou a nova guía elaborada polo seu departamento, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, e da rexedora municipal, Elena Candia.

Tras incidir en que o manual —dispoñible para descarga no portal Gaia da Xunta— vai dirixido aos promotores deste tipo de eventos, tanto públicos como privados, Ángeles Vázquez explicou que o obxectivo é facilitar a incorporación da sostibilidade ao longo de todas as fases dos eventos: planificación, organización, execución e avaliación posterior.

Ademais, está pensada para que poida ser aplicable a actos de diferentes dimensións, desde unha carreira popular ata citas musicais multitudinarias como a que se celebra estes días na cidade de Lugo pero tamén verbenas e romarías, actos culturais e de ocio dirixidos a públicos máis reducidos ou eventos corporativos e institucionais.

Como exemplo de aplicación práctica en eventos multitudinarios, a conselleira destacou o caso do Caudal Fest, unha cita que, recordou, reúne en Lugo a milleiros de persoas, mobiliza ducias de empresas e servizos e localízase nun entorno urbano ligado á contorna natural do río Miño, características que o converten nun evento idóneo para poñer en práctica as recomendacións da guía autonómica en materia de sostibilidade.

Neste sentido, explicou que na edición de 2026 se aposta polo emprego de vasos reutilizables entre os asistentes, o fomento do transporte público para desprazarse ata o festival, a instalación de contedores diferenciados para facilitar a recollida separada dos distintos tipos de residuos que se xeren ou a recomendación de levar as entradas en formato electrónico para reducir o consumo de papel.

As boas prácticas en materia de sostibilidade recompiladas na guía da Xunta organízanse arredor de sete ámbitos: consumo de enerxía, de auga e dos materiais necesarios para desenvolver a propia actividade; xestión de residuos; emisións de gases de efecto invernadoiro ligadas ao evento; contaminación acústica e sensibilización ambiental tanto do persoal traballador como dos asistentes.

Ademais, a conselleira explicou tamén que incorpora unha ferramenta de autoavaliación para que os promotores e organizadores poidan coñecer, se o desexan, o grao de aplicación práctica que lle están a dar ás recomendacións e que axuda a identificar posibles aspectos a mellorar para avanzar en termos de sostibilidade ambiental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2026