A directora xeral de Patrimonio Natural visitou hoxe o Monumento Natural Praia das Catedrais xunto con membros da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia
A Xunta promove o coñecemento e a participación das persoas xordas e xordo-cegas nas actividades de divulgación do patrimonio natural galego
Marisol Díaz lembra que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático leva anos colaborando coa FAPXG para a posta en marcha diferentes accións, como a organización de visitas guiadas con intérpretes de lingua de signos
Ribadeo (Lugo), 18 de setembro de 2026
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, puxo hoxe en valor a aposta que leva anos facendo o Goberno galego por promover o coñecemento, a participación e o acceso das persoas xordas e xordo-cegas aos espazos naturais da Comunidade e ás actividades de divulgación sobre a riqueza ambiental da Comunidade.
Durante unha visita que realizou hoxe ao Monumento Natural Praia das Catedrais, xunto con membros da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG), Marisol Díaz lembrou que o obxectivo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático é facilitar a participación das persoas xordas e que poidan gozar plenamente da experiencia de coñecer os principais espazos naturais protexidos de Galicia.
De feito, esta Consellería leva seis anos colaborando coa FAPXG a través da sinatura de sucesivos convenios a través dos que se puxeron en marcha diferentes tipos de accións, como a organización de visitas guiadas con intérpretes de lingua de signos como a realizada hoxe na Praia das Catedrais.
Nese senso, a Federación encárgase de ofrecer un servizo especializado neste tipo de accións, garantindo unha comunicación real e efectiva entre persoas xordas, xordo-cegas e persoas oíntes a través da posta á disposición de intérpretes de lingua de signos e de guías-intérpretes para apoiar ao colectivo en diversas accións de comunicación, sensibilización e divulgación do medio ambiente.
Ademais, a FAPXG tamén fai códigos QR adaptados á linguaxe de signos para a súa colocación nos espazos naturais de Galicia, a adaptación de distintos contidos informativos sobre o patrimonio natural galego e organiza cursos en lingua de signos dirixidos ao persoal dos parques naturais e doutros espazos protexidos, que teñen grande éxito de participación. A maiores, este ano o convenio inclúe a organización de accións de voluntariado ambiental inclusivo.