A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na celebración do 20º aniversario da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo)

Lorenzana destaca como imprescindible o sector TIC por ser a infraestrutura que permite á industria innovar

Sinala a súa importancia dentro da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda), posto que se trata de transferir toda esa innovación civil cara a aplicacións de seguridade e defensa, di

Avanza que tamén a Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, que a Xunta está ultimando, vai estar estreitamente ligada ás TIC, porque o principal obxectivo é que todas as empresas galegas teñan a oportunidade e os recursos para dixitalizarse

Só desde 2020, o sector en Galicia creceu un 21 por cento, con 4.000 novos profesionais incorporados ás 3.108 empresas que operan neste ámbito na comunidade autónoma

Vigo, 18 de setembro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cualificou hoxe de imprescindible o sector TIC por ser non só un sector que innova, senón a infraestrutura que permite a todos os demais innovar. “Cando as TIC innovan, transforman a industria, a medicina, a educación, a seguridade e a defensa, a nosa vida cotiá”, dixo.

Así o manifestou hoxe durante a súa intervención no acto de celebración do 20º aniversario da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), onde salientou que o obxectivo do Plan director da industria das TIC, aprobado o pasado mes de xuño pola Xunta cun orzamento de 62 millóns de euros, é seguir fortalecendo todo este ecosistema en Galicia porque “é fundamental para a competitividade e  o crecemento da economía galega”.

Por un lado, dixo, polo seu impacto transformador noutras industrias, como pode ser a da seguridade e a defensa, posto que moitas das tecnoloxías máis disruptivas que precisa este sector están sendo desenvolvidas por empresas TIC, lembrou. Ao respecto, avanzou que na Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) o sector TIC vai ter un especial protagonismo, porque do que se trata é de transferir toda esa innovación civil cara a aplicacións de seguridade e defensa para que Galicia se converta nun territorio capaz de desenvolver, fabricar e exportar tecnoloxía de alto valor engadido.

Por outra banda, tendo en conta o papel da tecnoloxía nas empresas, a primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, que está ultimando a Xunta, vai estar estreitamente ligada ás TIC, porque o principal obxectivo é que todas as empresas galegas teñan a oportunidade  e os recursos para dixitalizarse.

Só desde 2020, o sector en Galicia creceu un 21 por cento, con 4.000 novos profesionais incorporados ás 3.108 empresas que operan neste ámbito na comunidade autónoma. Actualmente conta 23.467 persoas afiliadas, que son un 20 por cento máis que hai seis anos. Cómpre sinalar, ademais, que Galicia é a 6ª comunidade autónoma en emprendemento, con 229 startups e 15 scaleups; “e isto é así porque detrás temos un sector TIC moi forte”, concluíu Lorenzana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2026