A Xunta destaca nas Pontes o interese crecente das empresas por investir en Galicia
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez participa no coloquio As Pontes construíndo futuro, e subliña que a Administración galega analiza cada semana novos proxectos “o que é sinal de que as cousas se están a facer ben”
As Pontes (A Coruña), 17 de setembro de 2026
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, asegurou esta mañá que “existe un entorno favorable para que Galicia atraia novas empresas gracias ás medidas que se foron adoptando por parte do Goberno da Xunta nestes últimos anos”. “Cada semana se analizan novos proxectos, o que é sinal de que as cousas se están a facer ben”, reiterou.
Vázquez Iglesias realizou estas valoracións no marco do coloquio As Pontes construíndo futuro, unha actividade promovida pola Asociación de Empresarios Seara na que se analizou a incidencia do actual contexto socioeconómico no desenvolvemento industrial da comunidade galega e se abordaron as medidas adoptadas polo Goberno da Xunta para facerlle fronte.
Neste senso, Vázquez se referiu á estratexia de política industrial implantada pola Xunta e baseada nos plans directores dos 9 sectores industriais declarados estratéxicos, así como ao Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais. Tamén fixo mención á implantación de novas figuras de aceleración do solo industrial. “En definitiva – dixo – traballamos para converter a Galicia nun referente dentro da península en canto á atracción de empresas, ofrecendo condicións máis favorables que as doutras comunidades e impulsando a mellora da competitividade, transformación dixital e tecnolóxica do noso tecido empresarial”.
O secretario xeral de Industria lembrou non en tanto que a Administración galega estará moi pendente de que os grandes investimentos teñan un efecto tractor no territorio. “Promoveremos as cadeas de valor locais en todo o ciclo produtivo, porque temos os recursos e o talento”, insistiu.
Finalmente, Nicolás Vázquez quixo agradecer á Asociación de Empresarios Seara, promotora do evento celebrado hoxe, “o traballo que estades a realizar polo tecido empresarial pontés e a colaboración que prestades cada vez que se vos pide axuda”.