A Xunta convoca 1,2 M€ para contratar máis de 40 axentes de emprego a prol da inserción laboral das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión

Hoxe arranca o prazo de solicitude das axudas para financiar a contratación deste persoal en entidades sen ánimo de lucro de cara a que poida colaborar na implantación das políticas activas de emprego na nosa Comunidade

A orde supón potenciar o papel da Rede de técnicos de emprego de Galicia como motor do emprendemento e da creación de emprego co gallo de apoiar a constitución de empresas e contribuír á cobertura de vacantes do mercado laboral

Estes profesionais ven ademais reforzado o seu traballo coas accións que desenvolve a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que leva atendido máis de 7.200 proxectos nos 15 centros repartidos polo conxunto do territorio

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a que as entidades sen ánimo de lucro poidan contratar axentes de emprego e unidades de apoio. Cun orzamento de 1,2 M€ e a previsión de financiar a contratación duns 40 axentes, hoxe arranca o prazo de solicitude que se prolongará deica o 19 de outubro. O obxectivo é darlle un pulo á implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial e coa inserción laboral especificamente de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.

En concreto, as funcións principais destes axentes son colaborar de cara á creación de actividade empresarial, actuar como promotores desa actividade e servir de asesores puntuais de proxectos de empresa e como prospectores de mercado, contribuíndo á dinamización da economía local e á xeración de novas actividades no ámbito local e rural.

Con estas axudas, a Xunta potencia o papel da Rede de técnicos de emprego de Galicia como motor do emprendemento e da creación de emprego co gallo de apoiar a constitución de pequenas e medianas empresas, contribuír á cobertura de vacantes laborais, así como favorecer un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido. Trátase así dunha figura especializada na promoción do emprego coa que se procura axudar as empresas a desenvolver os seus proxectos no rural, realizando un importante labor que contribúe tamén a fixar poboación.

Actuacións da Rede de técnicos de emprego de Galicia

Entre as actuacións desta Rede inclúense a promoción da igualdade de oportunidades e o acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais, asesorando e informando sobre a súa viabilidade técnica, económica e financeira e aplicando técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados, para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

Estes profesionais ven ademais reforzado o seu traballo coas accións que se desenvolven dende os 15 Polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia, que levan atendido máis de 7.200 proxectos empresariais no conxunto da Comunidade.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260918/AnuncioG0767-090926-0001_gl.html

Data de actualización: 19/09/2026