A Xunta felicita a Asociación Finisterre en América polo seu centenario de traxectoria como referente na historia da emigración galega na Arxentina

O secretario xeral da Emigración visitou, xunto co delegado da Xunta na Arxentina, a sede da Asociación o mesmo día que cumpre os cen anos desde a súa fundación

A continuación, ambos representantes do Goberno galego asistiron á representación da peza de danza contemporánea Cicatriz, coproducida polo Executivo autonómico a través do Centro Coreográfico Galego

Bos Aires (Arxentina), 20 de setembro de 2026

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, visitaron a Asociación Finisterre en América con motivo do seu centenario. Alí Miranda deu os parabéns aos integrantes da asociación, e salientou que “non se entendería a historia da emigración galega na Arxentina sen o labor fundamental realizado por vós durante estes cen anos”.

Ademais, entregoulle ao presidente, Ramón Marcote, unha placa conmemorativa en recoñecemento ao seu labor centenario coa galeguidade universal. Así mesmo, reafirmou o compromiso da Xunta de seguir apoiando estas asociacións de galegos no exterior.

A Asociación Finisterre en América é unha histórica entidade da diáspora galega na Arxentina. Fundada en Avellaneda o 19 de setembro de 1926 por emigrantes naturais de Fisterra, une aos fisterráns e aos seus descendentes en América, mantendo vivas as tradicións da súa terra natal.

Obra de teatro

Antonio Rodríguez Miranda e Alejandro López Dobarro tamén asistiron á representación da peza de danza contemporánea Cicatriz no Teatro General San Martín, á que tamén asistiu o consejero cultural da Embajada de España na Arxentina, Roberto Varela.

O secretario xeral resaltou a importancia da representación dunha peza producida en Galicia nunha das principais capitais do mundo e destacou este evento como unha mostra do bo momento da cultura galega e do seu labor de difusión no exterior.

Dirixida pola coreógrafa cubana con residencia en Galicia Kirenia Martínez Acosta e interpretada polo escritor galego Antón Reixa, esta peza está coproducida por Artestudio-Kirenia Danza coa Xunta a través do Centro Coreográfico Galego. A presenza do espectáculo na Arxentina é posible grazas á Consejería Cultural da Embajada de España na República Arxentina, que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2026