A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas participou hoxe no Foro sobre a Vivenda en Galicia promovido polo Club Financiero de Santiago

Allegue: “Traballamos para incrementar a oferta da vivenda protexida, agora e no futuro, a través dos PIAs”

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, puxo en valor que a Xunta traballa “para incrementar a oferta de vivenda protexida, agora e no futuro, a través dos Proxectos de Interese Autonómico, desenvolvendo solo que permita a construción  de 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas”.  Allegue participou hoxe no Foro sobre a Vivenda en Galicia, promovido polo Club Financiero de Santiago, onde subliñou a aposta do Goberno galego para facilitar o acceso á vivenda, coa construción, rehabilitación, desenvolvemento de solo, mobilización de vivendas baleiras e impulso de axudas e medidas para pór vivenda no mercado, tanto para alugueiro como venda.

A conselleira destacou que esta aposta avanza cunha “folla de ruta clara, elaborada dende a escoita e o diálogo”, lembrando a sinatura do novo Pacto de Vivenda de Galicia e que xa están en marcha as 4.000 novas vivendas públicas comprometidas nesta lexislatura para duplicar o parque público residencial, que contarán con cualificación de protexidas de xeito permanente.

Apuntou que ante a necesidade de solo, a Xunta está a desenvolver unha estratexia a través dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) que permiten axilizar prazos. “É a Xunta que aproba, a que adquire solo, a que urbaniza, segrega e a que concursará eses solos”, sinalou. E destacou tamén o compromiso para mobilizar vivenda, con axudas de rehabilitación no rural, o programa Fogar Vivo,  a posibilidade de converter baixos en vivendas, o incremento da edificabilidade ou a medida que permite construír en espazos dotacionais en desuso.

Allegue destacou a colaboración “fundamental” da Xunta co sector empresarial, sinalando que este ano aumentarán as axudas para promoción de vivenda protexida, e puxo en valor “o marco necesario” de colaboración coas entidades financeiras. De xeito especial mencionou a cooperación coas administracións locais, ao destacar que son xa 17 os concellos galegos que cederon solo para construír, e esixiu maior colaboración ao Goberno central, “porque non valen medidas illadas sen consenso”.  Por outra banda, remarcou a aposta da Xunta polas técnicas industrializadas na construción para axilizar a posta a disposición de vivenda, acompañada con convenios con institucións, entre elas a Universidade da Coruña (UDC) para incluír estas técnicas na formación dos futuros profesionais da arquitectura.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2026