O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co xerente do Servizo Galego de Saúde, participou hoxe na xornada Escola Esperanza Galicia #MuévetePorGalicia #MuévetePorLaVida, organizada con motivo do Día Mundial do Cancro Xinecolóxico

Gómez Caamaño destaca que a ampliación do cribado de cancro de cérvix reforza un programa que xa detectou o 75,7 % dos casos en fase inicial

A Xunta ampliará progresivamente o programa galego de detección precoz do cancro de cérvix ás mulleres de 30 a 35 anos e ás de 25 e 29 que non teñan a pauta de vacinación completa

Durante o último exercicio, este programa diagnosticou 105 casos de cancro de colo uterino e detectou arredor de 3.000 lesións precancerosas

Preto de 400.000 mulleres foron convidadas a participar no programa desde o seu inicio, cunha taxa de resposta superior ao 62 %

O acto desta tarde con motivo do Día Mundial do Cancro Xinecolóxico reuniu a pacientes, familiares, profesionais sanitarios e especialistas en actividade física e puxo o foco na importancia do exercicio físico antes, durante e tras o proceso oncolóxico

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, participou na xornada Escola Esperanza Galicia #MuévetePorGalicia #MuévetePorLaVida, onde destacou a ampliación do programa galego de detección precoz de cancro de cérvix aprobada onte polo Consello da Xunta, un programa que permitiu detectar o 75,7 % dos casos en fase inicial.

O cribado permitiu diagnosticar 105 casos de cancro de colo uterino. No que respecta ás lesións precancerosas —aquelas que son detectadas antes de chegar a desenvolverse a enfermidade—, facilitou a detección e o tratamento de preto de 3.000 lesións, contribuíndo a actuar en fases temperás da enfermidade.

Desde o seu inicio, convidouse a participar a 397.877 mulleres de 35 a 65 anos de toda Galicia, cunha taxa de resposta superior ao 62 %, o que reflicte un alto grao de implicación da poboación e dos profesionais nos labores de prevención e diagnóstico precoz.

Agora a Xunta amplía a poboación diana á que vai dirixido o programa de cribado, de xeito progresivo, dos 30 aos 35 anos e tamén de 25 a 29 para o caso daquelas mulleres que non teñen a pauta de vacinación completa.

Galicia, referente en prevención e cribados oncolóxicos

A comunidade galega destaca polo seu compromiso coa prevención e o diagnóstico precoz, con programas de cribado xa consolidados, como o de colo uterino, o de mama e o colorrectal, e con programas piloto de cribado de cancro de próstata, na área sanitaria de Ferrol, e de cancro de pulmón, este último xa estendido a toda Galicia tras completar a súa primeira fase na área da Coruña e Cee.

O conselleiro lembrou que Galicia foi pioneira en 2023 ao incluír as mulleres de ata 74 anos no cribado de cancro de mama, unha medida que beneficiou a miles de pacientes ao permitir un diagnóstico máis precoz e, polo tanto, un tratamento máis eficaz.

Ademais dos cribados, o Goberno galego está a impulsar infraestruturas de referencia para o tratamento do cancro, como o Centro de Coidado Integral do Cancro, candidato a integrarse na futura rede europea de centros de excelencia, e o futuro Centro de Protonterapia de Galicia, que está previsto que atenda os primeiros pacientes entre finais deste ano e principios do próximo. 

A xornada ‘Escola Esperanza Galicia’: exercicio físico e calidade de vida

A iniciativa ‘Escola Esperanza Galicia’ #MuévetePorGalicia #MuévetePorLaVida está impulsada pola Asociación El Deporte es Vida, coa colaboración da empresa biofarmacéutica GSK e a participación de profesionais do Sergas.

O acto, celebrado en Santiago con motivo do Día Mundial do Cancro Xinecolóxico, reuniu a pacientes, familiares, profesionais sanitarios e especialistas en actividade física, e puxo o foco na importancia do exercicio físico antes, durante e despois do proceso oncolóxico.

Nesta liña, a Xunta promove hábitos saudables entre a poboación, con programas como ‘Adestra a túa saúde’, que conecta os centros de saúde cos promotores de exercicio dos concellos, e coa Rede Galega de Promoción de Saúde, creando redes comunitarias arredor da actividade física e do benestar.

A xornada incluíu unha mesa de diálogo na que participaron distintos profesionais da oncoloxía e farmacia hospitalaria do Servizo Galego de Saúde e profesionais especializados en exercicio físico aplicado aos procesos oncolóxicos. O encontro concluíu cunha andaina simbólica do Camiño de Santiago desde a Consellería de Sanidade ata a Catedral para trasladar á práctica a mensaxe da xornada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2026