A directora xeral de Promoción da Igualdade reuniuse coa entidade organizadora

A Xunta destaca os premios Son Muller como unha referencia para dar visibilidade ao talento feminino na provincia de Lugo

Eloína Ingerto destacou o compromiso do Goberno galego con AELU e con esta iniciativa coa que colabora anualmente

Lugo, 22 de setembro de 2026

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, reuniuse coa directiva da Asociación Provincial de Empresarias de Lugo (AELU) para abordar a colaboración da Xunta nos premios Son Muller 2026, uns galardóns consolidados como unha referencia na visibilización do talento feminino en Lugo.

Eloína Ingerto destacou o compromiso do Goberno galego con AELU e con estes premios, cos que colabora intensamente todos os anos. Neste sentido, explicou que se trata duns galardóns esenciais para dar recoñecemento ás mulleres emprendedoras e líderes da provincia ás que é necesario darlles voz e visibilidade para seguir combatendo os estereotipos de xénero.

Deste xeito, a directora xeral lembrou o importante papel que desenvolve desde hai case 40 anos AELU na provincia, sendo un apoio para todas as mulleres traballadoras e emprendedoras. Por iso mesmo, Eloína Ingerto agradeceu o seu labor e trasladou o compromiso da Xunta co tecido asociativo para construír unha sociedade máis igualitaria e sen barreiras.

Data de actualización: 22/09/2026