A Xunta presenta na Semana da IA de Asturias os sistemas para a detección de incendios e o desenvolvemento de asistentes virtuais

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia falou sobre o modelo de goberno da IA de Galicia, baseado na garantía de intervención humana, transparencia e control dos sistemas que emprega a Administración

Pola de Siero (Asturias), 24 de setembro de 2026

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, participou hoxe na Semana da Intelixencia Artificial de Asturias, que se está a celebrar en Oviedo, Xixón e Pola de Siero, organizada polo Clúster TIC desa Comunidade e pola consultora Girol.

Damián Rey participou na mesa IA en acción, xunto con representantes dos gobernos de Cataluña e Murcia. O director da Amtega presentou proxectos integrados no Programa Galego de IA e destacou o modelo de goberno da IA en Galicia, que garante a reserva de humanidade, a transparencia e o control dos sistemas que emprega a Administración. Dixo tamén que “estas solucións deben responder ás particularidades do territorio, á dispersión da poboación, á ruralidade, á lingua, á accesibilidade e a cohesión territorial”.

Os responsables autonómicos tiveron a oportunidade de presentar experiencias concretas con solucións de IA, e Damián Rey falou sobre os sistemas que integra a plataforma para a loita contra os incendios de Galicia (XeoCode) para a detección e localización automática de lumes; e sobre a Plataforma Conversa de asistentes virtuais baseados en IA.

O director da Amtega salientou que os sistemas AILUME e LUMEIA para a detección de lumes son un complemento da plataforma tecnolóxica XeoCode, a máis completa de España para a xestión integral os incendios forestais. Neste sentido, referiuse á rede de vídeo vixilancia forestal, con cerca de 250 cámaras en 111 localizacións. As imaxes desta rede están controladas por persoas e, agora tamén, contan coa axuda dos sistemas de IA que facilitan e aportan fiabilidade á detección, localización e interpretación dos lumes.

Con respecto á plataforma Conversa, Damián Rey afirmou que a súa posta en marcha conta cun orzamento de case 2,5 millóns de euros, que permitirán poñer en marcha catro casos de uso de asistentes para a Administración. Entre eles destacou Conversa Xustiza, para que a cidadanía e os profesionais poidan recibir soporte, información e orientación, nunha linguaxe natural e comprensible, sobre os servizos e trámites dispoñibles.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2026