A Xunta inicia a segunda fase do seu programa de formación especializada para mulleres artesás do ámbito rural
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, foi o encargado de abrir hoxe en Santiago de Compostela a xornada desta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
As 16 seleccionadas para participar nesta fase do programa recibirán durante o mes de outubro un asesoramento individualizado que lles permitirá impulsar os seus proxectos profesionais
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración iniciou esta mañá a segunda fase do seu programa de formación especializada e mentoría Artesás, dirixido a impulsar a profesionalización da artesanía do medio rural galego. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, foi o encargado de abrir a xornada celebrada hoxe en Santiago de Compostela, onde destacou o valor deste tipo de iniciativas para a profesionalización do sector artesán galego e para dar visibilidade ao talento das mulleres artesás do rural.
Durante este encontro —no que tamén estivo a directora xerente da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo (Fungatra), Rosana Salgueiro— presentáronse os proxectos das 16 artesás seleccionadas, as necesidades detectadas, e explicouse a metodoloxía dos asesoramentos individualizados —que terán lugar de maneira tanto presencial como online— e o proceso de traballo entre emprendedora e asesora, que se van desenvolver ata finais do mes de outubro.
Artesás é unha iniciativa iniciada no mes de xuño e impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da colaboración entre Fungrata e a Fundación Pública Artesanía de Galicia. Está enfocada a fortalecer o sector artesán galego desde unha perspectiva profesional, colaborativa e territorial, favorecendo a consolidación de proxectos sustentables e a creación de redes de apoio entre mulleres artesás do rural.
Entre os obxectivos xerais están impulsar a figura da muller no sector da artesanía rural galega, ofrecer unha visión profesional do negocio da artesanía a través dunha formación dinámica e participativa, así como promover a colaboración entre as participantes.