A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, deu conta hoxe desta nova actuación

A Xunta somete a información pública o proxecto para mellorar a seguridade viaria na intersección das estradas LU-862 e LU-539 en Viveiro, que suporá un investimento de case 950.000 €

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o inicio deste trámite e dende mañá e durante 30 días hábiles poderanse presentar achegas ao proxecto

A actuación inclúe a construción dunha glorieta circular funcional e segura neste cruzamento, que ordenará os xiros, aumentará a visibilidade e acadará maior fluidez da circulación

Urbanizaranse as 4 vías de aproximación a esta glorieta, renovando o pavimento, adecuando as beirarrúas, creando zonas axardinadas e colocando sinalización

Allegue fixo fincapé na aposta da Xunta por mellorar as comunicacións na Mariña e lembrou que se vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo para impulsar a variante leste de Viveiro

Viveiro (Lugo), 18 de setembro de 2026

A Xunta somete a información pública o proxecto para mellorar a seguridade viaria na intersección das estradas LU-862 e LU-539 en Viveiro. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, deu conta hoxe esta actuación.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o inicio deste trámite e segundo explicou a conselleira, “dende mañá e durante 30 días hábiles poderanse presentar achegas que logo se estudarán para incorporar no posible”.

Trátase dunha intervención na que a Xunta mobilizará un investimento estimado de arredor de 950.000€.

Esta actuación inclúe a construción dunha glorieta con ampla capacidade nesta intersección de estradas, así como  o acondicionamento das 4 vías de acceso á rotonda.

Por unha parte, nesta intersección das estradas LU-862 e LU-539, construirase unha glorieta circular máis funcional e segura, que permitirá ordenar os xiros, aumentará a visibilidade nas manobras e acadará maior fluidez da circulación e seguridade nesta zona.

Por outra parte, urbanizaranse as 4 vías de aproximación a esta glorieta. Renovarase o pavimento, adecuaranse as beirarrúas, crearanse zonas axardinadas e colocarase nova sinalización.

A conselleira subliñou o dobre obxectivo da actuación: “dunha banda, os condutores acadarán unha circulación máis fluída e segura; e doutra banda, os peóns disporán dunha contorna máis accesible e humanizada para os seus desprazamentos a pé”.

Remarcou que se acadará unha transformación deste enclave no que se atopan edificios residenciais, comercios, centros educativos e sanitarios, así como a capela da Nosa Señora da Misericordia.

Fixo fincapé na aposta da Xunta por mellorar as comunicacións na comarca da Mariña e lembrou que se vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo para impulsar a variante leste de Viveiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2026