Así o destacou a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade na clausura do II Foro de Intelixencia Artificial para o Sistema de Saúde
O Plan estratéxico de saúde dixital e transformación intelixente do sistema público de saúde de Galicia 2027-2030 incorporará as capacidades tecnolóxicas emerxentes
Natalia Lobato salienta que as empresas galegas están a demostrar unha enorme capacidade para innovar, colaborar co sistema sanitario, transferir coñecemento e desenvolver solucións con impacto real
Tamén pon en valor o traballo das universidades e centros de investigación
Subliña a importancia de contribuír a definir como debe aplicarse de forma responsable a intelixencia artificial en beneficio dos profesionais e da sociedade
A Coruña, 24 de setembro de 2026
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, destacou hoxe que o vindeiro ano o departamento sanitario galego porá en marcha un novo Plan estratéxico de saúde dixital e transformación intelixente do sistema público de saúde de Galicia 2027-2030, que dará continuidade ao camiño iniciado e incorporará as capacidades tecnolóxicas emerxentes que marcarán a evolución dun dos sistemas sanitarios máis avanzados.
A representante do Goberno galego clausurou na cidade herculina o II Foro de Intelixencia Artificial para o Sistema de Saúde, acto no que destacou que, as empresas galegas están a demostrar unha enorme capacidade para innovar, colaborar co sistema sanitario, transferir coñecemento e desenvolver solucións con impacto real.
Tamén destacou o traballo das universidades, centros de investigación e capacidades de supercomputación, que sitúan Galicia nunha posición de enorme fortaleza, recibindo un recoñecemento de gran relevancia coa elección da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.
Na súas verbas, Natalia Lobato referiu a importancia de contribuír a definir como debe aplicarse de forma responsable a intelixencia artificial en beneficio dos profesionais e da sociedade, e incidiu en que o futuro da IA en saúde dependerá tanto da tecnoloxía como da capacidade de colaboración entre todos os actores implicados.
Para concluír a súa intervención, a secretaria xeral de Sanidade subliñou que Galicia aspira a ser un territorio onde a intelixencia artificial se regule con responsabilidade, se desenvolva con talento, se despregue con garantías e se poña ao servizo da saúde e do benestar das persoas.