A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, deron conta hoxe desta nova promoción
A Xunta impulsa en Santiago o seu novo modelo de vivenda para a mocidade e licitará o martes as obras de 60 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos
Trátase dunha promoción formada por 2 bloques de edificios, un de baixo e 3 alturas e outro de baixo e 5 alturas, conectados por un espazo aberto central, de uso público e compartido polos residentes
Allegue destaca estes aloxamentos como “unha forma innovadora de entender a vivenda, combinando espazos privados con áreas comúns que fomentan a convivencia, a colaboración e a creación de comunidade”
López Campos pon en valor o traballo do Goberno galego “para que a nosa mocidade poida acceder ás mellores oportunidades no ámbito persoal e laboral”
As empresas terán de prazo ata o 4 de novembro para a presentación das ofertas
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026
A Xunta impulsa en Santiago o seu novo modelo de vivenda para a mocidade e licitará o martes, día 29, as obras de 60 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, deron conta hoxe desta nova promoción, que se situará na rúa Xoán XXIII e se licitará por case 7,3M€.
Trátase dun proxecto compartido por ambas consellerías dirixido, como sinalou a conselleira, a facilitar a emancipación da mocidade. Son aloxamentos que se ofrecerán en alugueiro temporal para menores de 36 anos que conten cun traballo, estean realizando residencias formativas ou proxectos de investigación.
A Xunta regulou esta nova solución habitacional para que ademais das administracións públicas, poidan ser promotores privados os que tamén aposten por estes aloxamentos. “É unha forma innovadora de entender a vivenda, combinando espazos privados con áreas comúns que fomentan a convivencia, a colaboración e a creación de comunidade”, destacou Allegue.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, puxo en valor o traballo do Goberno galego “para que a nosa mocidade poida acceder ás mellores oportunidades no ámbito persoal e laboral”. Así, gabou a colaboración entre as consellerías que permite “garantir o acceso a vivenda e tamén dotala de espazos de convivencia esenciais nunha sociedade cada vez máis tecnolóxica”.
Neste senso, López Campos lembrou que esta medida súmase a outras como o Bono Emancípate, que procura ser unha axuda para afrontar os primeiros gastos derivados de emancipación. A segunda edición desta iniciativa, desenvolvida en 2026, contou cun orzamento de 3 millóns de euros.
A promoción
Ás vivendas individuais súmanse espazos comúns de uso flexible, como salas de traballo, de servizos (lavandería e tendedeiro comunitarios, aparcadoiro para bicicletas) como tamén para o lecer. Trátase dunha promoción formada por 2 bloques de edificios independentes, un de baixo e 3 alturas e outro de baixo e 5 alturas, unidos por un espazo aberto central, de uso público e compartido polos residentes, que permite a conexión peonil entre os 2 bloques, e cos camiños e rúas da contorna.
Das 60 vivendas, 54 serán de 1 dormitorio e 6 de 2 dormitorios e serán fogares exteriores nas que se prima tamén a eficiencia enerxética. As empresas terán de prazo ata o 4 de novembro para a presentación das ofertas.
A xestión dos aloxamentos, unha vez construídos, corresponderá á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
”Cremos que cada novo proxecto que abre portas á emancipación é unha oportunidade para construír futuro -sinalou a conselleira-. Santiago suma agora un novo paso nese camiño e seguimos a reforzar a nosa aposta para ofrecer solucións reais á mocidade e avanzar cara a unha Galicia onde emanciparse sexa un obxectivo alcanzable”.
Xunto á de Santiago, a Xunta promove outras tres promocións de aloxamentos compartidos en Vigo, Lugo e A Coruña, con un total de 340 prazas. Neste momento están en licitación tamén as obras de Vigo, con 80 aloxamentos, e Lugo, con 50.
Vivenda en Santiago
Allegue subliñou a aposta da Xunta pola vivenda na cidade de Santiago, onde están en marcha 434 vivendas de promoción pública e entregaranse 24 en Lamas de Abade a vindeira semana.
Sinalou tamén que xa tivo unha primeira reunión o xurado que valorará as propostas do concurso de ideas convocado pola Xunta para a redacción dos proxectos de 244 vivendas e unha residencia xuvenil de 150 prazas en Salgueiriños, e a proposta gañadora coñecerase en outubro.