O conselleiro de Sanidade interveu na inauguración do Congreso Internacional de Medicina Clínica, que organiza a Comunidade Médica en Formación
Gómez Caamaño subliña que a descentralización dos estudos de medicina abre novos horizontes para a formación dos futuros médicos en Galicia
Remarca que ampliar os espazos de formación posibilita construír desde hoxe unha mellor sanidade para a Galicia de mañá
Reivindica o grande acerto que supuxo a integración, hai apenas dous anos, dos institutos de investigación sanitaria de Galicia dentro do Servizo Galego de Saúde
Pon en valor as prazas MIR ofertadas pola Xunta para o presente curso, marcando un novo récord con 725, o que supón 43 máis que o anterior
Destaca o respaldo científico que fai posible este congreso, grazas á USC e ao Instituto de Investigación Sanitaria da capital de Galicia
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe que a descentralización dos estudos de Medicina abre novos horizontes para a formación dos futuros médicos en Galicia e, ademais, amplía as súas oportunidades e os escenarios nos que adquirir coñecemento e experiencia.
O titular da carteira sanitaria interveu, na Cidade da Cultura, na inauguración do Congreso Internacional de Medicina Clínica (II CIMEC), que organiza a Comunidade Médica en Formación (CoMeF).
O conselleiro explicou que este curso a Xunta deu un novo paso coa descentralización da formación clínica de 5º, que se engade á experiencia xa desenvolvida en 6º, aproveitando toda a capacidade docente dos profesionais e hospitais da rede sanitaria pública galega.
Segundo Gómez Caamaño, ampliar os espazos de formación é tamén ampliar as oportunidades dos futuros médicos galegos e construír dende hoxe unha mellor sanidade para a Galicia de mañá.
Integracións dos institutos de investigación sanitaria
Neste foro, o conselleiro reivindicou o grande acerto que supuxo a integración, hai apenas dous anos, dos institutos de investigación sanitaria de Galicia dentro do Servizo Galego de Saúde.
Grazas a esta iniciativa, investigación e atención sanitaria deixaron de camiñar por vías parelelas para formar parte da mesma família, situando Galicia como un auténtico polo de innovación biomédica.
Para o conselleiro, dispoñer dun escenario propicio para a investigación biomédica constitúe un estímulo moi poderoso para os profesionais e unha canteira de oportunidades para os pacientes. Ademais, é un factor que enriquece o entorno de formación que resulta un terreo no que, o titular da carteira sanitaria, considera que o seu departamento ten que ser cada vez mellor para crear e reter todo o talento posible.
A este respecto, Gómez Caamaño puxo en valor a ampliación de forma continua da oferta da Consellería de Sanidade de formación sanitaria especializada.
En concreto, as prazas MIR ofertadas na comunidade baten un novo récord con 725 para o 2026-2027, o que supón 43 máis que o curso anterior e sitúan Galicia como a segunda que máis creceu de xeito porcentual en España.
Deste xeito, a Consellería de Sanidade blinda as especialidades deficitarias convocando a totalidade das prazas acreditadas e aumenta de xeito notable as posibilidades de que os médicos se especialicen en Galicia.
Na súa intervención no acto de inauguración, o titular de Sanidade puxo en valor o respaldo científico que fixo posible este congreso. Por un lado, a Universidade de Santiago de Compostela, berce da formación médica na comunidade e, por outro, o Instituto de Investigación Sanitaria da capital de Galicia IDIS, que ano tras demostra a súa capacidade para atraer talento e transformar a ciencia en solucións que melloran a saúde das persoas.
Así mesmo, Gómez Caamaño agradeceu á Comunidade Médica en Formación o traballo realizado á hora de construír este espazo que reúne a máis de 700 persoas entre estudantes, residentes e profesionais sanitarios.