A Xunta activa a Unidade de Investigación de Incendios Forestais no lume de Calvos de Randín co uso de drons
Os traballos de investigación comezaron no día de onte pola tarde e as actuacións estenderanse, cando menos, durante toda a fin de semana
As actuacións inclúen a revisión dos posibles puntos de inicio, o estudo de imaxes dispoñibles e o reforzo da presenza dos equipos de investigación, tamén con finalidade disuasoria e de vixilancia
Santiago de Compostela, 25 setembro de 2026
A Xunta de Galicia activou a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) para esclarecer as causas e circunstancias nas que se rexistrou o incendio forestal de Calvos de Randín, parroquia de Randín. Fíxoo no día de onte pola tarde e as actuacións estenderase, cando menos, durante toda a fin de semana.
Os axentes desta unidade especializada da Consellería do Medio Rural están traballando sobre o terreo e utilizando drons, entre outros medios tecnolóxicos, para as inspeccións e a análise dos indicios, co fin de esclarecer a orixe do incendio. As actuacións inclúen a revisión dos posibles puntos de inicio, o estudo de imaxes dispoñibles e o reforzo da presenza dos equipos de investigación, tamén con finalidade disuasoria e de vixilancia.
A investigación examina as distintas hipóteses sobre a orixe do lume mediante inspeccións oculares dos posibles puntos de inicio, para identificar datos de interese, garantindo a conservación e trazabilidade dos indicios. O obxectivo último é trasladar á autoridade xudicial os achados pertinentes polos procedementos establecidos.
Este incendio de Calvos de Randín iniciouse ás 13,36 horas de onte xoves e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 460 hectáreas. Nel foi preciso decretar, tamén onte, a Situación 2 como situación operativa de emerxencia pola súa proximidade ao núcleo de As Meaus, no municipio limítrofe de Baltar. Esta medida foi desactivada este mediodía.
Para a extinción do lume mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 6 técnicos, 37 axentes, 39 brigadas, 24 motobombas, 5 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 11 avións. Entre estes efectivos figuran os da UIFO.