O presidente da Xunta visitou hoxe a Granxa Doroña SAT, en Arzúa, provedora de Nestlé

Rueda anuncia que a Xunta destinará máis de 3,6 M€ en axudas para compensar o sobrecusto do gasóleo e dos fertilizantes no sector agrogandeiro

Avanza que a medida contará con tramitación simplificada e “aboarase antes de que remate o ano” para dar liquidez directa aos profesionais do campo

Salienta o papel de Galicia como potencia láctea europea, con máis do 42% da produción estatal, e pon en valor o modelo de explotacións profesionais, sustentables e punteiras

Destaca a importancia das alianzas entre gandeiros e grandes industrias para crear valor engadido na comunidade, onde xa se transforma máis do 75% do leite producido

Arzúa (A Coruña), 30 de setembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego lanzará unha orde de axudas que superará os 3,6 millóns de euros para apoiar directamente aos agricultores e gandeiros galegos fronte ao aumento dos custos de produción, especialmente no referido ao gasóleo agrícola e aos fertilizantes.

Estes 3,6 millóns resultan dunha achega da Comisión Europea de 1,6 millóns, que a Xunta complementará con outros 2 adicionais para garantir unha cobertura máis ampla e axustada ás necesidades reais do sector. “Cando hai momentos de dificultade, hai que corresponder co esforzo da xente que o fai ben como é o caso do noso sector primario, polo tanto creo que é o momento de axudar”, asegurou durante a súa visita ás instalacións da Granxa Doroña SAT en Arzúa, provedora da planta de Nestlé en Pontecesures.

O titular da Xunta, que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, explicou que esta será unha axuda destinada aos agricultores dados de alta na Seguridade Social como autónomos na actividade agraria que obteñan dela, polo menos, o 25% dos seus ingresos. Ademais, Rueda indicou que esta liña de apoios concederá unha achega directa por hectárea de superficie agraria útil. Así mesmo, estes apoios contarán con tramitación simplificada e “aboaranse antes de que remate o ano” para dar liquidez directa aos profesionais do campo.

Neste sentido, o presidente incidiu en que garantir a estabilidade e a rendibilidade das explotacións resulta imprescindible para asegurar a remuda xeracional no rural e permitir que a mocidade aposte con certezas polo sector primario.

“Cada vez as explotacións traballan para ser máis modernas pero sen perder esencias e, ao mesmo tempo, ser rendibles, ser sostibles, coidar o medio ambiente e facer avanzar a Galicia”, indicou.

Liderado lácteo e estratexia de valor engadido

Alfonso Rueda puxo de manifesto a fortaleza do sector lácteo galego, lembrando que a comunidade concentra máis da metade das explotacións de España, produce o 42% do leite do conxunto do Estado e figura entre as dez rexións punteiras no ámbito europeo.

Destacou tamén a relevancia das alianzas estratéxicas entre o sector produtor, a distribución e a industria agroalimentaria, poñendo como exemplo a colaboración de grandes firmas como Nestlé con granxas locais para avanzar cara un modelo de produción máis sostible, apostando pola redución de emisións, a agricultura rexenerativa e a protección da biodiversidade.

Unha cooperación que, segundo salientou, permite que máis do 75% do leite producido en Galicia sexa transformado na propia comunidade, consolidando a cadea de valor e fixando poboación no rural galego. “Xa sabemos que temos a mellor materia prima, o leite galego é Galicia Calidade, pero se somos capaces de transformala e de darlle máis valor, iso supón máis rendibilidade, máis vida, máis aposta e máis futuro”, asegurou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2026