A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe un convenio co reitor da UDC, Ricardo Cao

Xunta e Universidade da Coruña poñen en valor entre o alumnado a vivenda industrializada e os Proxectos de Interese Autonómico residenciais

A Universidade incluirá a industrialización da vivenda pública no programa de traballo de fin de máster da Escola Técnica Superior de Arquitectura

O Goberno galego financiará os gastos deste programa, cun máximo de 19.350 euros

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026

A Xunta e a Universidade da Coruña poñen en valor entre o alumnado a vivenda industrializada e os Proxectos de Interese Autonómico (PIA) residenciais. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe o convenio para esta cooperación en materia de formación e investigación co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao. No acto de sinatura en San Caetano tamén estiveron o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e o director da Escola Técnica Superior da Arquitectura, Miguel Abelleira.

A colaboración ten como obxectivo a elaboración de propostas de ordenación urbana e vivenda colectiva que permitan explorar novas estratexias para a produción residencial pública en Galicia. Así, no convenio inclúese a redacción dun proxecto básico e a ordenación para o desenvolvemento de solo residencial dentro do programa do máster universitario en Arquitectura, como obxecto do traballo de fin de máster así como na difusión dos resultados e dos ditos traballos.

O convenio que se levará a cabo a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) establece que a Universidade incluirá como programa do traballo de fin de Máster (TFM) da Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC), do curso 2026/2027, este módulo de investigación aplicada sobre vivenda pública industrializada.

Este traballo consistirá na redacción dun proxecto que conterá a ordenación do ámbito e as ordenanzas reguladoras e incluirá unha análise do desenvolvemento urbano e da edificación resultante no ámbito, con especial atención ás novas tipoloxías de vivendas e a utilización de técnicas industrializadas na edificación.

A UDC tamén deberá publicar os traballos académicos e realizar unha exposición dos mesmos. Ademais, a Universidade organizará un ciclo de conferencias sobre esta materia.

En virtude deste convenio, o IGVS proporá un ou máis ámbitos de solo urbanizable para a elaboración do citado proxecto  e colaborara coa Escola para impartir charlas ao alumnado. Tamén impulsará a difusión dos traballos e colaborará no ciclo de conferencias mediante a participación dos seus técnicos.

No que se refire ao financiamento a Xunta IGVS achegará á Universidade un orzamento de 19.350 euros. O convenio estará vixente dende o día da súa sinatura ata o 31 de decembro do 2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2026