Tres organizacións sindicais manifestaron o seu apoio ao documento sobre as ratios que rexerán a ampliación das dotacións de profesionais en atención primaria abordado esta mañá na xuntanza da Mesa Sectorial de Sanidade

A Mesa Sectorial de Sanidade aproba os criterios que determinarán os reforzos e a creación de novas prazas nos servizos de atención primaria

Crearase unha nova praza estrutural de médico de familia cando se supere unha media diaria de 36 consultas por profesional e a ratio sexa superior a 1.200 tarxetas por cota

No caso da pediatría de atención primaria deberanse superar as 30 consultas por profesional e día e a ratio media de 1.000 tarxetas por facultativo

O cumprimento da ratio 1:1 suporá que cando se cree unha praza estrutural de medicina de familia ou pediatría, se habilite outra praza estrutural de enfermería

Crearase unha unidade de farmacia por cada 18.000 habitantes e tomarase como referencia a creación dunha praza odontólogo por cada 22.500 tarxetas sanitarias

No ano 2028 o departamento sanitario da Xunta e os representantes dos traballadores realizarán unha nova revisión destes criterios en todas as categorías

Santiago de Compostela, 30 de setembro  de 2026

A Mesa Sectorial de Sanidade someteu hoxe a votación o conxunto de criterios e ratios que determinarán a creación de prazas estruturais nas distintas categorías profesionais do primeiro nivel asistencial do Servizo Galego de Saúde.

As organizacións sindicais CSIF, UGT e CC.OO. manifestaron o seu apoio aos parámetros que suporán a dotación de novas prazas sobre a base da actividade asistencial dos centros de saúde, as ratios de poboación de referencia e conforme a unha planificación que responda ás necesidades asistenciais dun xeito eficiente.

En concreto, no caso dos profesionais de medicina familiar e comunitaria proponse a creación dunha praza estrutural cando, sobre unha axenda con 30 actos, o centro de saúde rexistre unha actividade diaria media superior as 36 consultas por profesional e, ademais, que a ratio sexa superior ás 1.200 tarxetas sanitarias por cota.

Para a determinación de novas prazas de medicina de familia será preciso que se cumpran ambos criterios de xeito simultáneo. Non obstante, no caso de aqueles centros sanitarios que rexistren unha presión asistencial elevada, e malia non cumprir os criterios indicados, poderase valorar un reforzo conxuntural, de acordo aos recursos dispoñibles. 

De igual forma, acordouse un reforzo estrutural na categoría de pediatría de atención primaria cando, partindo de axendas de 25 actos, o centro de saúde supere as 30 consultas por profesional e día e, ademais, a súa ratio media siga sendo superior as 1.000 tarxetas sanitarias.

No caso de enfermería, será precisa a dotación de novos postos de traballo cando as tarxetas sexan superiores a 1.200 en adultos e a 1.000 en pediatría, ao tempo que as consultas rexistradas de xeito diario sexan superiores ás 36 en adultos e ás 30 en pediatría.

Ademais, o cumprimento da ratio 1:1  suporá que a creación dunha praza de médico ou pediatría levará automaticamente aparellada a creación dunha de enfermería.

Pola súa banda, e no que atinxe á categoría de farmacéutico de atención primaria, defínese a creación dunha unidade de farmacia por cada 18.000 habitantes. Ademais, fíxase como obxectivo contar cun farmacéutico por cada servizo de atención primaria de cara ao ano 2030.

O Servizo Galego de Saúde adaptará a carteira de saúde bucodental do Ministerio de Sanidade á de Galicia tomando como referencia a ratio de 1 odontólogo por cada 22.500 tarxeta sanitaria. Nesta liña, establécese como obxectivo acadar unha ratio 1:1 que supoña que exista 1 técnico en hixiene bucodental por cada odontólogo de atención primaria.

Outras das ratios establecen como obxectivo a creación dunha praza de matrona por cada 5.500 mulleres maiores de 14 anos en 2030; unha de fisioterapeuta de atención primaria por cada 11.500 habitantes; 1 de técnico de coidados auxiliares de enfermería (TCAE) por cada unidade de fisioterapia; a dotación dun dietista-nutricionista por cada 50.000 habitantes; o establecemento de novos postos de traballo social de xeito que exista un posto por servizo de atención primaria con máis de 7.500 tarxetas sanitarias; e a fixación dun posto de persoal de servizos xerais por cada 6 axendas.

No ano 2028, o departamento sanitario da Xunta e os representantes dos traballadores realizarán unha nova revisión dos criterios para avaliar a súa idoneidade en todas as categorías profesionais.

Así mesmo, acordouse a constitución dunha Comisión de Seguimento do documento de planificación asistencial de recursos humanos en atención primaria, estando prevista unha primeira reunión para a vindeira semana.

Con estas medidas, o Executivo galego busca reducir a carga administrativa dos profesionais sanitarios ao tempo que optimiza o funcionamento dos servizos de atención primaria e mellora a calidade asistencial do sistema sanitario público galego.

 

Data de actualización: 30/09/2026