A Xunta e as tres universidades traballan de xeito conxunto para introducir axustes técnicos na lei galega derivados do actual marco normativo estatal

O conselleiro de Educación reuniuse cos tres equipos reitorais para analizar os cambios que se prevén incluír na Lei de medidas que acompañará aos Orzamentos

Román Rodríguez sinala que a lei galega xa recollía previamente aspectos vertebrais que xa non é necesario incorporar, polo que os cambios son de carácter técnico

Segundo indicou, a LOSU “foi unha oportunidade perdida, unha lei pouco ambiciosa e que non xerou os cambios estruturais necesarios no sistema universitario español”

Reforzarase o papel dos Consello Sociais, que deberán facer unha auditoría externa, o que redundará nunha maior estabilidade orzamentaria para as universidades

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse esta tarde coas reitoras das universidades de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; e de Vigo, Carmen García Mateo; e co reitor da Coruña, Ricardo Cao, para traballar de xeito conxunto para axustar a Lei 6 do Sistema universitario de Galicia ao actual marco normativo estatal marcado por, entre outras, a Lei Orgánica 2/2023, de 22 de marzo, do Sistema Universitario (LOSU).

Nun encontro, no que tamén tomou parte o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, o conselleiro sinalou que “a LOSU foi unha oportunidade perdida, porque foi unha lei pouco ambiciosa e que non xerou os cambios estruturais necesarios no sistema universitario español”. De feito, lembrou que “aspectos vertebrais como a estrutura do financiamento con carácter plurianual xa estaban recollidos” no texto galego. Deste xeito, e despois de facer unha análise xurídica, concluíuse que a inmensa maioría dos cambios que hai que facer na lei galega son de carácter técnico.

Nesta situación, a Xunta opta por unha adaptación da lei galega por ser o proceso máis sinxelo e áxil. Por tanto, estas modificacións, en debate coas tres universidades, incluiranse na Lei de medidas que acompañará aos Orzamentos de 2027.

Reforzo dos Consellos Sociais

Os cambios abordados nesta primeira reunión de traballo inclúen o reforzo do papel dos Consellos Sociais, unha proposta xa traballada conxuntamente co Consello Social de cada unha das tres universidades. En concreto, introducirase a necesidade de ordenar, con carácter obrigatorio e periodicidade anual antes da aprobación das contas da universidade, a realización dunha auditoría externa e independente de ditas contas e da xestión económico-administrativa da universidade.

Deste xeito, dáse contundencia á función destes órganos de supervisar as actividades de carácter económico da universidade e aprobar as súas contas anuais. A auditoría externa deberá facerse con carácter previo á aprobación das contas anuais da universidade. Desta forma avaliarase a corrección da contabilidade entregada pola universidade, o que redundará nunha maior estabilidade orzamentaria necesaria para estas institucións, ao permitir detectar posibles desaxustes antes de comprometer os novos orzamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2026