A Xunta abre mañá o prazo de solicitude para unha bolsa de formación en asuntos europeos no eido da I+D+I
A convocatoria conta cun orzamento de case 20.000 euros e enmárcase no programa formativo dirixido a promover o contacto cos asuntos europeos e as institucións comunitarias desde unha perspectiva galega
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2026
A Fundación Galicia Europa (FGE) abre mañá o prazo de solicitude para optar a unha bolsa de formación en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación. Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia, a medida, desenvolvida en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, conta cun orzamento de case 20.000 euros está dirixida a persoas con título universitario.
O programa formativo da bolsa terá unha duración de 12 meses na propia oficina da FGE en Bruxelas, aínda que coa opción de levar a cabo breves períodos formativos na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela ou noutras dependencias que se determinen. A incorporación da persoa bolseira prevese para decembro deste ano.
As persoas interesadas poden presentar as súas candidaturas no prazo dun mes contado a partir de mañá. As solicitudes deben enviarse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.
A iniciativa enmárcase no programa anual de bolsas de formación en proxectos europeos impulsado pola FGE, neste caso centrada no ámbito da innovación e a investigación, así como no seguimento das políticas comunitarias, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación que financia e titoriza esta bolsa. Súmase polo tanto a outras bolsas autorizadas tamén este ano, como as dúas destinadas a persoas con título universitario oficial de grao ou equivalente en Dereito para facilitar a especialización en políticas e dereito da Unión Europea mediante a realización de prácticas en asuntos comunitarios na oficina da fundación en Bruxelas.
Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Conta con dúas oficinas: unha presente en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 delegacións rexionais establecidas na capital comunitaria.