O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe a empresa Extrugasa

A Xunta defende en Valga o modelo autonómico de formación para o emprego orientado a contar con perfís cos que cubrir as vacantes das empresas

José González sinala que esta aposta inclúe apoios para a capacitación, tanto de persoas ocupadas como desempregadas, co fin de atender as necesidades de man de obra do tecido produtivo

A isto súmase o modelo galego de atracción de talento cun primeiro eixo centrado no retorno das persoas galegas do exterior e accións como o programa Retorna Cualifica Emprego, no que se poden inscribir as persoas e empresas interesadas

Refírese ao benestar laboral como aspecto clave para as empresas e as persoas traballadoras e salienta como fito nesta materia o plan integral dotado con 45 M€, acordado no seo do Diálogo Social e aprobado esta semana polo Consello da Xunta

Esta ferramenta contén 37 medidas para mellorar o benestar, a xestión das incapacidades temporais e impulsar o retorno saudable ao traballo, entre as que se atopan apoios específicos a pemes, microempresas e autónomos

Valga (Pontevedra), 2 de outubro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou hoxe en Valga a empresa de transformación de aluminio Extrugasa, onde salientou a súa aposta pola innovación sen renunciar á tradición, así como a importancia de contar con perfís cualificados a prol do dinamismo do mercado laboral. Nesta liña, referiuse á aposta autonómica para potenciar unha formación flexible, áxil e conectada co tecido produtivo para facer fronte ao reto da cobertura de vacantes.

Unha aposta, especificou, que se enmarca no compromiso da Xunta por ser unha Administración facilitadora e que inclúe apoios para a formación de persoas, tanto ocupadas como desempregadas. Tamén neste ámbito, o Goberno galego avanza no desenvolvemento das microcredenciais cun decreto publicado en xaneiro que se irá implantando progresivamente para permitir ás empresas crear e impartir formación curta e certificada á medida das súas necesidades.

A isto súmase, o modelo autonómico de atracción de talento cun primeiro eixo enfocado no retorno das persoas galegas do exterior, a través de accións como o programa Retorna Cualifica Emprego do que está en vigor a terceira edición e na que se poden inscribir —na web da iniciativa— as persoas e empresas interesadas. Ao abeiro dela, as empresas galegas están ofertando preto de 850 postos de traballo para galegas e galegos do exterior. O segundo eixo céntrase na captación de traballadores de terceiros países.

Benestar laboral

Outro aspecto fundamental, tanto para empresas como persoas traballadoras, ao que fixo referencia o conselleiro foi o benestar laboral. Un fito nesta materia é o plan integral acordado no seo do Diálogo Social e aprobado esta semana polo Consello da Xunta.  Trátase dunha ferramenta pioneira en España dotada 45 M€ e 37 medidas para mellorar o benestar, a xestión das incapacidades temporais por continxencias comúns e impulsar o retorno saudable ao traballo, expuxo. Con ese fin, enfócase en tres eixes, que son o reforzo da prevención e do benestar laboral, melloras na atención sanitaria e o uso responsable do sistema de protección.

En relación co eido do traballo, explicou que reforza o papel do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e a prevención dos trastornos musculoesqueléticos e da saúde mental. Tamén incorpora apoios para pemes e autónomos, un mecanismo pioneiro de acompañamento á reincorporación e unha Fiestra Única de asesoramento e formación. Ademais, o plan incorpora medidas do ámbito sanitario e un anexo de peticións ao Estado, como un plan de choque para as incapacidades temporais de máis de 365 días, competencia exclusiva do Goberno central.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2026