O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou nunha xornada do programa Xunta Conecta con Vegalsa-Eroski celebrada na oficina de emprego de Pontevedra
A Xunta salienta o papel das oficinas de emprego como puntos de encontro directo entre empresas e persoas candidatas para cubrir as súas vacantes
José González pon en valor as 60 vacantes ofertadas por Vegalsa-Eroski para as súas novas instalacións no parque empresarial O Vao, concretamente nas áreas de froitaría, cociña, chacinaría, carnicería, peixería, caixa e reposición
Destaca que a sesión combina a información ás persoas demandantes de emprego sobre os postos existentes cun proceso áxil de entrevistas co fin de darlles cobertura
Afirma que se están a preparar novos encontros do programa Xunta Conecta noutras comarcas dirixidos a atender as necesidades doutros sectores económicos
Pontevedra, 6 de outubro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e polo delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, participou hoxe nunha xornada do programa Xunta Conecta concibida para poñer en contacto o equipo de Recursos Humanos de Vegalsa-Eroski con persoas interesadas en cubrir ata 60 postos dispoñibles nas instalacións que a empresa abrirá no parque empresarial O Vao. En concreto, nas áreas de froitaría, cociña, chacinaría, carnicería, peixería, caixa e reposición.
Na oficina de emprego de Pontevedra, o conselleiro sinalou que a sesión de hoxe reafirma a vontade de converter as oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia en puntos de encontro directo entre empresas e persoas candidatas, reforzando o seu papel como peza central do ecosistema laboral de cada comarca. Nesa liña, estanse a preparar novos encontros noutras contornas dirixidos a atender as necesidades doutros sectores económicos, co gallo de impulsar un sistema de orientación laboral territorializado.
En concreto, estas sesións combinan a información ás persoas demandantes de emprego participantes sobre as vacantes existentes cun proceso de entrevistas rápidas co gallo de darlles cobertura. Deste xeito, José González afirmou que se consolida o servizo de orientación laboral da man do tecido produtivo, reforzando a atención ás persoas desempregadas a prol da súa inserción ao tempo que se atenden tamén as demandas de man de obra.
Servizo Público de Emprego de Galicia
Máis aló do Xunta Conecta, o titular de Emprego aludiu a outras medidas xa en marcha no Servizo Público de Emprego de Galicia como o servizo de orientación laboral por videoconferencia ou os simuladores de entrevistas de traballo con intelixencia artificial. Tamén á ferramenta EMi para casar mellor oferta e demanda laboral botando man da IA, da que se prevé ter operativa antes de final de ano a súa aplicación móbil. A través dela, as persoas demandantes poderán realizar os seus propios perfilados, consultar información sobre o mercado de traballo do seu concello, comarca ou provincia, acceder ás ofertas e cursos dispoñibles e utilizar un xerador de currículos con intelixencia artificial.