O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na xornada celebrada na nave da Peixería do Mercado da Magdalena

A Xunta salienta en Ferrol a conexión entre a gastronomía e os produtos de proximidade a través da iniciativa ‘Prato de Mercado’

José González pon en valor o papel das prazas de abastos como espazos de compra, encontro e dinamización, con capacidade para atraer visitantes e revitalizar a actividade económica local das vilas e cidades

O acto reuniu profesionais da restauración, da hostalaría e do comercio e incluíu o showcooking Diálogos de cociña e mercado, a cargo do chef Adrián Pérez, do restaurante Sinxelo

Prato de Mercado forma parte das iniciativas recollidas no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que aposta pola modernización e a competitividade destes enclaves

Ferrol, 6 de outubro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na xornada autonómica Prato de Mercado, celebrada no Mercado da Magdalena para poñer en valor a conexión entre as prazas de abastos, a gastronomía e os produtos de proximidade.

A iniciativa reuniu na nave da Peixaría —recentemente rehabilitada— diferentes cociñeiras e cociñeiros, profesionais da hostalaría e comerciantes, nunha xornada que incluíu tamén o showcooking Diálogos de cociña e mercado, a cargo de Adrián Pérez, chef do restaurante Sinxelo. Durante a demostración, o cociñeiro ferrolán elaborou catro propostas a partir de produtos frescos do mercado.

Na súa intervención, José González puxo de relevo que as prazas de abastos son moito máis ca lugares de compra, xa que se configuran como espazos polivalentes que acollen iniciativas de dinamización, actividades gastronómicas e novas sinerxías entre o comercio, a hostalaría e a cociña.

O conselleiro referiuse así mesmo á súa capacidade para actuar como motores de comercio de atracción, contribuíndo a atraer visitantes, dinamizar as contornas urbanas e revitalizar o tecido económico das vilas e cidades. Neste sentido, sinalou que o futuro destes espazos pasa por combinar a esencia da tradición coa innovación e a adaptación aos novos hábitos de consumo.

Durante a xornada, González salientou tamén a estreita relación que manteñen os profesionais da restauración cos comerciantes e praceiros, aos que acoden na procura de produtos frescos e de calidade para as súas elaboracións. Neste sentido, destacou que Prato de Mercado busca visibilizar unha relación baseada na proximidade, na confianza e no coñecemento do produto, e achegar esa mesma calidade e variedade ao conxunto da cidadanía.

A iniciativa forma parte das actuacións recollidos no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, que contempla entre as súas liñas de actuación a promoción das prazas de abastos e a configuración da Rede de Mercados Excelentes de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2026