Nos meses de outubro e novembro, o Servizo Galego de Saúde oferta un total de 2.223 prazas pertencentes a 24 categorías profesionais

O Servizo Galego de Saúde prepara o dispositivo organizativo e de seguridade para os exames que se celebrarán na fin de semana do 24 e 25 de outubro

Na xornada do sábado, o Recinto Feiral Internacional Semana Verde de Galicia, situado en Silleda, acollerá as probas de acceso ás categorías de técnico en farmacia, logopedista e condutor

Na quenda de tarde levaranse a cabo os exames de fisioterapeuta, técnico superior en imaxe para o diagnóstico, fontaneiro e técnico especialista en sistemas e tecnoloxías da información

O domingo 25 de outubro terán lugar as probas para técnico en coidados auxiliares de enfermería e de técnico en farmacia

No mes de novembro continuarán os procesos selectivos coa realización dos exercicios de acceso para as categorías de celador, auxiliar da función administrativa ou médico asistencial do 061, entre outros

O conxunto das probas selectivas convocadas neste outono polo Servizo Galego de Saúde contan cun total de 33.717 admitidos

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2026

A directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa Cobas, presidiu esta mañá en Silleda a reunión cos representantes dos corpos de seguridade, emerxencias e persoal da Fundación da Semana Verde para ultimar os operativos de organización e seguridade, dos exames da oferta pública de emprego que se desenvolverán durante os meses de outubro e novembro no Recinto Feiral Internacional Semana Verde de Galicia, situado en Silleda.

A quenda da mañá do sábado acollerá aos aspirantes para a realización das probas de acceso ás categorías de técnico en farmacia, logopedista e condutor.

Xa pola tarde levaranse a cabo os exames de fisioterapeuta, técnico superior en imaxe para o diagnóstico, fontaneiro e técnico especialista en sistemas e tecnoloxías da información.

O domingo 25 de outubro terán lugar as probas para técnico en coidados auxiliares de enfermería (quenda xeral e discapacidade intelectual) e de técnico en farmacia (discapacidade intelectual).

Acompañada polo subdirector xeral de Selección de Persoal, Daniel Potel, a directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde puxo en valor o traballo do conxunto de persoas que participan nos dispositivos de seguridade, control de acceso e seguimento destas probas, agardando que, unha vez máis, a súa celebración transcorra con total normalidade.

Deste xeito, e xunto coas persoas colaboradoras do Servizo Galego de Saúde que participarán nas tarefas organizativas das probas, o dispositivo completarase con efectivos da Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local, Protección Civil, persoal da autopista, 061 e persoal da Fundación Semana Verde de Galicia.

No mes de novembro, continuarán os procesos selectivos coa realización dos exercicios para as categorías de médico de admisión e documentación clínica, técnico superior en sistemas e tecnoloxías da información, traballador social, mecánico, grupo auxiliar da función administrativa, médico xeral de ADOS, farmacéutico de atención primaria, odontólogo de atención primaria, técnico de xestión en sistemas e tecnoloxías da información, calefactor, celador (queda xeral e discapacidade intelectual), médico asistencial do 061, terapeuta ocupacional, dietista-nutricionista e electricista.

O conxunto das probas selectivas convocadas neste outono polo Servizo Galego de Saúde contan cun total de 33.717 admitidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2026