A Xunta garante que o proxecto da mina de Touro só será autorizado se é plenamente viable técnica e ambientalmente

A conselleira do Mar subliña no Parlamento que a iniciativa segue o procedemento regrado e que non se pode anticipar ningunha decisión ata que conclúan os informes técnicos preceptivos

Villaverde desmente a validez dun documento atribuído ao seu departamento sen data nin sinatura e empraza á oposición a esixir en Madrid as bonificacións pendentes da Seguridade Social para o marisqueo e axudas polo prezo do combustible

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu no Pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta actúa “con rigor, con garantías e en base a criterios técnicos” na tramitación do proxecto industrial da mina de Touro, asegurando que a iniciativa “unicamente será autorizada se se acredita que é plenamente viable, tanto desde o punto de vista técnico como ambiental”.

En resposta a unha pregunta, a titular de Mar subliñou que non se pode anticipar unha resolución nun momento no que o expediente segue o procedemento administrativo establecido. “Na fase actual nin se pode dar por autorizado o proxecto nin se pode dicir que vai ser descartado. O que corresponde é deixar que o procedemento avance e que os informes técnicos e ambientais determinen se cumpre ou non cos requisitos necesarios”, salientou.

A responsable autonómica trasladou o máximo respecto da Xunta cara aos colectivos veciñais e sectoriais que son contrarios ao proxecto, pero remarcou que o debate público “debe sustentarse en información oficial e contrastada”. Neste senso, desmentiu, categoricamente, a veracidade dun documento difundido por plataformas contrarias á explotación ao que desde a oposición lle quixeron outorgar carácter oficial: “Non é un informe da Consellería do Mar. Non ten nin data, nin sinatura que acredite a súa autoría, e o seu contido dista moito do que realmente manexa este departamento», clarificou.

Durante a súa quenda de réplica, a conselleira emprazou á oposición a traballar de verdade a favor do mar de Galicia e a centrar os seus esforzos en reclamar ao Goberno central medidas urxentes e reais para aliviar a situación do sector marítimo-pesqueiro.

Villaverde denunciou que, tras sucesivos anuncios, o Executivo central segue sen aplicar a bonificación das cotas da Seguridade Social ás persoas mariscadoras nin convocou as axudas polos temporais de comezos de ano, malia terse declarado Galicia como zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil en febreiro. Así mesmo, reclamou que se poñan en marcha axudas directas suficientes fronte á suba do combustible para a frota, con bonificacións máis altas e axustadas ao consumo real á semellanza das aplicadas noutros países europeos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2026