A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe o inicio destes traballos
A Xunta comeza as obras da senda peonil e ciclista na PO-407 en Budiño, no Porriño, cun investimento de 615.000€
Trátase dun itinerario que terá 1 km de lonxitude e comezará no cruce coa estrada provincial a Cerquido e finalizará á altura do colexio público Cruz de Budiño
Esta senda facilitará a mobilidade da veciñanza, pois esta é unha contorna de vivendas, e tamén os desprazamentos dos escolares, nunha zona na que non hai espazos para peóns
O proxecto incluirá intervencións complementarias como a mellora das paradas de autobús, a disposición de varandas ou a adaptación da rede de drenaxe
O Porriño (Pontevedra), 8 de outubro de 2026
A Xunta comeza as obras da senda peonil e ciclista na estrada PO-407 en Budiño, no concello do Porriño, cun investimento de preto de 615.000€.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou hoxe o inicio desta intervención, financiada nun 60% con fondos FEDER e nun 40% con fondos autonómicos.
Os traballos contan cun prazo de execución de 8 meses, polo que a senda estará rematada no vindeiro 2027.
Trátase dun itinerario que terá 1 km de lonxitude e comezará no cruce coa estrada provincial a Cerquido e finalizará á altura do colexio público Cruz de Budiño.
Subliñou que esta senda facilitará a mobilidade da veciñanza, pois esta é unha contorna de vivendas. O itinerario favorecerá os traxectos diarios a pé ou en bicicleta dos escolares, nesta zona na que na actualidade non hai espazos habilitados para peóns.
Explicou que ademais da construción da propia senda, se levarán a cabo outras intervencións complementarias como a mellora das paradas de autobús, a adaptación da rede de drenaxe ou a canalización de telecomunicacións.
O proxecto tamén incluirá a execución de muros de contención, a disposición de varandas de protección e a reconstrución de noiros.