A Xunta celebra na arxentina o éxito do Programa Conecta con Galicia no Camiño como mostra da ilusión por retornar da comunidade no exterior
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, tomou parte na entrega de compostelas a 39 das persoas participantes este ano na iniciativa, onde destacou que case 700 galegos da Arxentina retornaron en 2024, último exercicio con rexistros
Pola súa banda, o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, animou a aproveitar a experiencia para promover o Camiño no país
Bos Aires (Arxentina), 8 de outubro de 2026
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, celebrou o éxito na Arxentina do programa Conecta con Galicia no Camiño como mostra da ilusión dos galegos do exterior por retornar á súa terra de orixe. Así o dixo no acto de entrega de compostelas ás 39 persoas do país que participaron na iniciativa este ano, no que tamén tomaron parte o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e o delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro.
O secretario xeral felicitou as persoas participantes por vivir unha experiencia que une “identidade, historia e futuro”. Así, trátase dun programa destinado a xente nova de orixe galega residente no exterior orientado ao reencontro coas raíces a través do percorrido a pé de máis de 110 km do Camiño de Santiago.
Miranda puxo en valor a “volta a casa” temporal que posibilita este programa e salientouna como unha oportunidade para afianzar os lazos culturais con Galicia nos países onde hai colectividades galegas. Tamén para impulsar a volta á terra e, nese senso, apuntou que preto de 700 galegos na Arxentina retornaron a España en 2024, último ano do que hai rexistros.
Pola súa banda, o comisario do Xacobeo 2027 agradeceu a implicación das persoas participantes e animounas a aproveitar esta experiencia para convertela na mellor promoción do Camiño no seu país, a uns meses dun novo Ano Santo.