O ecosistema de I+G+I reforza a colaboración transfronteiriza coa visita dunha delegación do International Iberian Nanotechnology Laboratory

Esta visita estreita a colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal no ámbito da I+D+i e consolida a relación co INL de Braga, que en 2025 xa acolleu na súa sede a unha delegación do sistema galego de investigación

A xornada reúne o equipo do INL con persoal investigador e xestor das universidades galegas, dos centros e institutos de investigación universitarios e do CSIC, así como de centros tecnolóxicos e do CESGA e están previstas 90 reunións bilaterais

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2026

A I+G+i recibe hoxe en Santiago de Compostela a unha delegación de preto de 30 investigadores e investigadoras do International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL) co obxectivo de fortalecer a alianza entre Galicia e o Norte de Portugal no ámbito da investigación e a innovación, promovendo novas colaboracións científicas, a participación conxunta en proxectos europeos e a mobilidade do persoal investigador entre ambas rexións.

Esta xornada dá continuidade á visita realizada o ano pasado por unha ampla representación do sistema galego de I+D+i ás instalacións do INL en Braga, onde se puideron coñecer de primeira man as capacidades científicas e tecnolóxicas desta infraestrutura internacional de referencia.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, inaugurou a xornada e fixo unha presentación da estratexia, as prioridades e os instrumentos de apoio da Xunta de Galicia. A continuación, a directora do INL, Clivia Sotomayor, achegou unha visión das capacidades científicas e das liñas estratéxicas da entidade hispano-lusa.

O encontro continuou cun bloque dedicado ás fortalezas do ecosistema galego de I+D+i desde as perspectivas da investigación, as infraestruturas científicas e a innovación. Neste contexto, representantes das tres universidades públicas galegas, da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA) e do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) presentaron as capacidades e ámbitos de especialización das súas entidades. Ademais, a xornada incluiu unha sesión de presentacións científicas breves, na que persoal investigador galego expuxo liñas de investigación destacadas e ámbitos con potencial para establecer novas colaboracións co INL.

Visita a centros da Rede CIGUS

Durante a xornada están previstas máis de 90 reunións bilaterais entre o persoal investigador do INL e máis de 45 grupos de investigación do ecosistema galego de I+D+i. Estes encontros permiten identificar sinerxías e impulsar novas oportunidades de cooperación científica, acceso compartido a infraestruturas singulares e participación conxunta en proxectos internacionais.

Os asistentes tamén poden visitar os tres centros de investigación que contan co selo de excelencia María de Maeztu en Galicia: o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), todos eles pertencentes á Rede CIGUS.

Así mesmo, a xornada conta con tres relatorios científicos impartidos por persoal investigador de referencia en Galicia arredor de áreas con elevado potencial de colaboración co INL. A investigadora distinguida Oportunius do CiQUS María Giménez, presenta a súa investigación no eido da sustentabilidade e os novos materiais para a enerxía; o director do Vigo Quantum Communication Center, Marcos Curty, presenta o seu traballo en comunicación e criptografía cuántica; e Diego Peña, director do CiQUS e investigador distinguido Oportunius, afonda no ámbito dos materiais avanzados e os nanomateriais funcionais.

Esta iniciativa marca unha nova etapa na relación entre o INL e o ecosistema galego de I+D+i, reforzando unha colaboración transfronteiriza estratéxica entre Galicia e o Norte de Portugal que xa demostrou a súa capacidade para xerar coñecemento de excelencia, atraer talento e impulsar proxectos de investigación con proxección internacional.

Data de actualización: 08/10/2026