A directora da EGAP destaca o compromiso coa formación do persoal empregado público para seguir avanzando na modernización do sector público galego
Sonia Rodríguez-Campos presentou no Parlamento o informe sobre o Plan de Formación elaborado pola Escola Galega de Administración Pública para 2026
Destacou que ao longo do presente exercicio convocaranse 811 actividades formativas, cunha oferta de preto de 45.600 prazas
A Escola continuará tamén coa programación de actividades de carácter divulgativo e de especialización, mediante unha oferta de cursos superiores, cursos monográficos, xornadas, webinarios e conferencias
Santiago de Compostela, 09 de outubro de 2026
A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, destacou hoxe o compromiso da EGAP coa formación do persoal emprego público para seguir avanzando na transformación e modernización do sector público de Galicia.
Durante a presentación no Parlamento do informe sobre o Plan de Formación elaborado pola Escola para 2026, Sonia Rodríguez-Campos destacou que, con este obxectivo, ao longo do presente exercicio convocaranse 811 actividades formativas, cunha oferta de preto de 45.600 prazas dirixidas ao persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, da Administración de xustiza e das entidades locais galegas, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, así como ao persoal técnico, de xestión e de administración e servizos das universidades do Sistema Universitario de Galicia.
Entre as novidades deste plan resaltou as actividades formativas na área de réxime xurídico, especialmente no ámbito da intelixencia artificial e das actuacións administrativas automatizadas, así como a ampliación da oferta de prazas nas accións formativas dirixidas á obtención da certificación galega de competencias dixitais por parte do persoal empregado público.
Así mesmo, subliñou a consolidación do plan formativo en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero, con novos títulos sobre a prevención da violencia de xénero a través dos servizos de axuda no fogar, a conciliación e a corresponsabilidade ou a diversidade sexual, corporal ou de xénero. Ademais da oferta de formación continua do Instituto de Economía Pública de Galicia, con novos títulos sobre os aspectos básicos, situación e evolución da contabilidade pública na Comunidade Autónoma de Galicia; a intelixencia artificial aplicada aos procedementos tributarios ou a intervención administrativa en sectores regulados.
No que respecta á formación en idiomas estranxeiros, a directora da EGAP precisou que o plan 2026 inclúe unha ampla oferta formativa que posibilita avanzar por niveis en distintos idiomas (lingua inglesa, francesa, alemá, italiana e portuguesa), así como dous niveis de lingua de signos e diferentes actividades orientadas a reforzar as habilidades orais e outras centradas no manexo de idiomas na atención á cidadanía.
Sonia Rodríguez-Campos destacou o reforzo en materia de linguaxe administrativa e xurídica galega, que se incrementa un 25 % con respecto ao ano anterior, e que abrangue máis de 3.700 horas de formación que atenden ás especificidades de ambas linguaxes técnicas e procuran a mellora das competencias nas distintas vertentes do uso da lingua galega.
Por outra banda, recordou que a oferta que conforma o plan para 2026 combina as modalidades de teleformación, telepresenza, autoformación e docencia presencial, destacando o reforzo das modalidades baseadas nos medios telemáticos.
Prestar o mellor servizo á cidadanía
Ao longo da súa intervención, a directora da EGAP explicou que no segundo semestre de 2026 a Escola continuará tamén coa súa programación de actividades de carácter divulgativo e de especialización, mediante unha oferta de cursos superiores, cursos monográficos, xornadas, webinarios e conferencias orientados á actualización de coñecementos e a análise de cuestións de especial relevancia para as administracións públicas e o emprego público.
“En definitiva, o plan para 2026 concíbese como un instrumento destinado á mellora e modernización das administracións da Comunidade Autónoma, co cal poder contribuír a que o persoal poida dar unha resposta satisfactoria ás demandas cambiantes da sociedade e mesmo anticiparse aos desafíos que se lles presentan ás administracións no contexto actual, caracterizado polo cambio constante e a incerteza”, concluíu, facendo fincapé en que o obxectivo é poder prestarlle o mellor servizo á cidadanía.