O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, comprobou as actuacións que se están a realizar no marco do programa piloto ‘RenÓbrate’

A Xunta destaca no Carballiño o valor da formación para o emprego adaptada ás necesidades de sectores estratéxicos como o da construción

A iniciativa RenÓbrate desenvólvese coa Fundación Laboral da Construción e nela están implicados, ademais do municipio do Carballiño, os de Arteixo, Sanxenxo e Santiago de Compostela

González expón que este programa brinda a persoas desempregadas —20 no caso do Carballiño— cualificación centrada nas familias profesionais de Edificación e Obra civil así como Industrias Extractivas para impulsar as súas oportunidades laborais

Sinala que esta acción se enmarca no modelo autonómico de formación flexible, áxil e conectada coas necesidades do territorio e compleméntase coas medidas enfocadas á atracción de talento co fin de afrontar o reto da cobertura de vacantes laborais

O Carballiño (Ourense), 9 de outubro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, comprobou hoxe no Carballiño as actuacións que se están a realizar no marco do programa piloto de formación teórico-práctica RenÓbrate, que se desenvolve coa Fundación Laboral da Construción e na que O Carballiño é un dos concellos colaboradores xunto con Arteixo, Sanxenxo e Santiago de Compostela. Alí González puxo en valor a formación para o emprego adaptada ás necesidades de man de obra de sectores estratéxicos como o da construción.

Este programa brinda a persoas desempregadas cualificación centrada nas familias profesionais de Edificación e Obra civil así como Industrias Extractivas para impulsar as súas oportunidades laborais. No caso concreto do Carballiño, son 20 as persoas participantes, igual que no resto de municipios implicados, e inclúe máis de 500 horas de formación, incluída a de prevención de riscos laborais no sector. O alumnado céntrase nas tarefas de albanelería e pavimentos urbanos, mediante a reforma e acondicionamento de locais municipais e actuacións en espazos públicos, como o Parque do Carballiño, incluíndo pavimentos peonís exteriores e elementos complementarios de urbanización.

Neste sentido, explicou que accións coma esta axudan a facer fronte a retos globais que inclúen ao sector da construción como a cobertura de vacantes laborais. En concreto, a iniciativa desenvolverase ao longo de nove meses co obxectivo de facilitar a inserción laboral do alumnado participante no prazo máximo de dous meses desde a finalización do programa, mediante contratos a xornada completa en empresas do sector da construción.

Esta acción complementa as liñas de programas mixtos en colaboración coas entidades locais, entre eles os obradoiros duais de emprego, co fin de dar resposta ás necesidades de talento dun sector estratéxico como o da construción.

RenÓbrate enmárcase nunha formación para o emprego flexible, áxil e conectada coas necesidades do territorio dirixida tanto ás persoas ocupadas como desempregadas. Estas accións formativas para a potenciación do mercado laboral interno compleméntanse con medidas para a atracción de talento, cun primeiro eixo enfocado no retorno das persoas galegas do exterior e cun segundo eixo na captación de traballadores de terceiros países.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2026