A Xunta pon en valor en Córdoba o papel dos centros galegos do exterior na conexión coa Galicia de hoxe e como embaixadores do Xacobeo 2027

O secretario xeral da Emigración e o comisario do Xacobeo 2027 visitaron o Centro Galego de Córdoba e participaron na presentación do Ano Santo Xacobeo 2027

No marco da súa visita a Córdoba, tamén realizaron un tramo do Camiño do Cura Brochero, que percorre diferentes lugares vinculados a este santo arxentino e que está irmandado co Camiño de Santiago

Córdoba (Arxentina), 11 de outubro de 2026

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou a importancia que teñen os centros e todas as entidades galegas no exterior para as persoas que se atopan fóra de Galicia.

Así o fixo na visita ao Centro Galego de Córdoba, onde foi acompañado polo comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, e polo delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro. Durante a visita, o secretario xeral puido coñecer de primeira man a realidade actual das galegas e galegos residentes nesta provincia arxentina, así como as actividades realizadas ao longo deste ano no centro.

Miranda tamén reafirmou a proximidade do Goberno autonómico coa galeguidade no exterior e o papel fundamental que xogan os centros galegos neste sentido, ao permitir manter a conexión coa comunidade galega e estar preto das persoas que viven fóra de Galicia.

Ademais, o secretario xeral e o comisario do Xacobeo 2027 participaron na presentación do Ano Santo, na que Marcos Gómez Román destacou a importancia de que desde os centros galegos se anime a comunidade galega no exterior e á sociedade en xeral a peregrinar a Santiago, xa que “non pode haber mellor momento ca este para coñecernos ou para volver a vernos”.

O Camiño de Brochero

No marco da súa visita a Córdoba, Miranda e Gómez Román desprazáronse tamén ata o denominado Camiño do Cura Brochero, onde realizaron un tramo deste itinerario de peregrinación acompañados polo delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro.

Durante o percorrido, o secretario xeral da Emigración salientou a importancia de seguir traballando de maneira conxunta entre as administracións para manter e reforzar os lazos entre o Camiño de Santiago e a figura do Cura Brochero.

Trátase dunha ruta de peregrinación duns 240 quilómetros pola provincia de Córdoba que percorre diferentes lugares vinculados a este santo arxentino e que está irmandado co Camiño de Santiago.

Data de actualización: 11/10/2026