A Xunta traballa na promoción da saúde mental na adolescencia cunha nova xornada formativa para os centros escolares

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, inaugura o encontro YAM, unha iniciativa pioneira de Galicia dirixida ao alumnado de 3º de Educación Secundaria Obrigatoria

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2026

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, acompañada da subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, inaugurou hoxe unha nova xornada formativa de implementación do Programa YAM (Youth Aware of Mental Health) nos centros educativos, na que participan expertos na materia como psicólogos clínicos, orientadores e docentes.

Durante a inauguración, a directora xeral destacou, coincidindo coa celebración mañá do Día mundial da saúde mental, na importancia de velar polo benestar emocional no sistema educativo, un eido no que a Xunta traballa de xeito integral a través de diferentes propostas, como este programa.

Pola súa banda, a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, lembrou a importancia do recoñecemento outorgado á Xunta polo proxecto YAM, elixido unha das 12 mellores iniciativas europeas pola promoción da saúde mental en estudantes. A elección chegou tras obter uns resultados sobresaíntes na avaliación de expertos e un forte apoio da votación pública. A propia subdirectora xeral presentou a iniciativa esta semana no Foro de Innovación Social 2026, organizado polo Centro Europeo de Competencia para a Innovación Social, en Bruxelas.

O Proxecto YAM é un programa de prevención do suicidio dirixido ao alumnado de 3º de Educación Secundaria, recoñecido polas recomendacións da OMS e Save the Children como o modelo de intervención máis eficaz. O seu obxectivo é reducir as condutas suicidas e ampliar os recursos do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia.

Deste xeito, o Goberno galego segue a traballar na promoción da saúde mental na infancia e a prevención do suicidio na mocidade galega a través desta iniciativa colaborativa entre as Consellería de Sanidade e de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2026