O conselleiro de Sanidade participou en Madrid no acto de entrega da Insignia de Ouro 2026 da Asociación de Médicos Galegos (Asomega) á Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA), presidida por Rafael López.

Gómez Caamaño pon en valor a Insignia de Ouro de Asomega a ASEICA como un recoñecemento da traxectoria galega en investigación contra o cancro

Subliña a contribución de Aseica ao avance do coñecemento sobre o cancro e ao aumento de oportunidades para os pacientes

Salienta os avances do sistema sanitario público galego en diagnóstico molecular, terapias dirixidas e inmunoterapia, así como a futura posta en marcha do Centro de Protonterapia de Galicia

Galicia aspira a integrarse na rede europea de centros de referencia contra o cancro a través do Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia

O conselleiro destaca tamén que a integración dos tres institutos de investigación sanitaria galegos no sistema público de saúde reforza a conexión entre investigación e a asistencia

Madrid, 13 de outubro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou hoxe en Madrid no acto de entrega da Insignia de Ouro 2026 da Asociación de Médicos Galegos (Asomega) á Asociación Española de Investigación sobre o Cancro (ASEICA).

Durante a súa intervención, Gómez Caamaño puxo en valor a contribución de Aseica ao avance do coñecemento sobre o cancro e á transformación dos resultados científicos en novas oportunidades para os pacientes. Neste sentido, salientou a vinculación da entidade con Galicia, xa que os seus catro últimos presidentes son galegos: Luis Paz-Ares, Xosé R. Bustelo, Marisol Soengas e Rafael López, que está á fronte na actualidade.

O conselleiro lembrou que o cancro continúa a representar un importante desafío sanitario, con máis de 270.000 diagnósticos anuais en España e unha supervivencia global aos cinco anos que non supera o 60 %. Estas cifras, apuntou, evidencian a necesidade de manter unha aposta decidida pola investigación e estreitar a colaboración entre os equipos científicos e os profesionais que atenden os pacientes.

Avances na investigación e no tratamento do cancro en Galicia

O titular da carteira sanitaria galega destacou os avances que está a incorporar o Servizo Galego de Saúde, como as ferramentas de diagnóstico molecular, as terapias dirixidas e o desenvolvemento de terapias avanzadas, que permiten adaptar cada vez máis os tratamentos ás características de cada tumor.

Neste contexto, subliñou a posta en marcha do Centro de Protonterapia de Galicia, que ampliará as opcións terapéuticas dispoñibles para os pacientes e será o primeiro da sanidade pública española en ofrecer este tipo de tratamento.

Durante a súa intervención, lembrou o obxectivo da comunidade galega de formar parte da rede europea de centros de referencia contra o cancro a través do Centro de Coidado Integral do Cancro de Galicia, un proxecto orientado a integrar a prevención, o diagnóstico, o tratamento, a investigación e a innovación oncolóxica.

Para rematar, puxo en valor o papel dos tres institutos de investigación sanitaria galegos, integrados no sistema público de saúde desde hai case dous anos e cuxa incorporación contribuíu á mellora da coordinación entre investigación e asistencia sanitaria e facilita que os avances científicos cheguen antes á práctica clínica.

Data de actualización: 13/10/2026