A Xunta colabora na homenaxe a Valle-Inclán que se celebra na Pobra do Caramiñal con máis dunha ducia de actividades ata finais de mes

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación das XXVIII Xornadas, dedicadas ao escritor que se desenvolverán desde este venres ata o día 31

Nas actividades predominan as sesións teatrais e representacións con monicreques, xunto cunha ruta polos escenarios que inspiraron o escritor e presentacións varias

O representante do Goberno galego pon en valor a consolidación desta iniciativa para manter vivo o legado “dun referente e fonte de inspiración para os dramaturgos de todo o mundo”

Esta edición ten como eixe destacado o centenario da publicación de ‘Tirano Banderas’, novela escrita na propia vila pobrense

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 14 de outubro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación das XXVIII Xornadas de homenaxe Ramón María del Valle-Inclán, que se desenvolverán co apoio da Xunta de Galicia unha ducia de actividades, de balde e para todos os públicos, na Pobra do Caramiñal ao redor do legado literario desta figura, desde o venres e ata finais de mes.

Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o compromiso do Goberno galego con estas xornadas “xa consolidadas no panorama cultural tras máis de 25 anos celebrándose ininterrompidamente”. Deste xeito, puxo en valor o traballo do museo Valle-Inclán, na organización desta cita e na dedicación por manter vivo o legado “dunha das figuras máis destacadas da cultura galega, que continúa a ser, na actualidade, un gran referente e fonte de inspiración para os dramaturgos do mundo”.

No marco desta presentación, o director xeral de Cultura destacou a calidade das iniciativas que abranguen desde artes escénicas ata citas académicas e divulgativas e lembrou que esta edición ten como eixe destacado o centenario da publicación de Tirano Banderas (1926), novela escrita na propia vila pobrense.

Programación

A programación abrirase o venres, ás 20:00 horas, no centro de estudos do Museo Valle-Inclán coa presentación do número 4 da Revista Foro Galicia e Valle-Inclán, a cargo de Xaquín del Valle-Inclán Alsina. Ao día seguinte, haberá unha dobre cita escénica. Por unha banda, ás 12,30 horas, con Títeres Alakran, que levarán a peza de rúa A Rosa de Papel ao cantón da Leña, rúa do Extremo e Alameda. Pola tarde, ás 20,00 horas, o Teatro Elma acollerá a posta en escena de Luces de Bohemia pola compañía madrileña Tirinto & Co.

A fin de semana pecharase o domingo 18 cunha ruta guiada en autobús pola Serra do Barbanza sobre o patrimonio cultural e os escenarios que inspiraron o escritor, conducido por Sara Barbazán Domínguez, e con saída ás 11,00 horas e inscrición previa no museo.

A vertente académica continuará o mércores 21 de outubro, ás 20,00 horas, no centro de estudos do museo coa conferencia Pazo es. Unha poética do espazo aplicada á arquitectura pacega a través da literatura, que impartirá Juan Manuel Monterroso, catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela.

Para a seguinte fin de semana, o sábado 24 de outubro, ás 12,30 horas, presentarase a edición facsímile de Sonata de Otoño, con prólogo de Xaquín del Valle-Inclán, mentres que ás 20,00 horas proxectarase no Teatro Elma a adaptación cinematográfica de Tirano Bandera, dirixida en 1993 por José Luis García Sánchez. A continuación, o domingo 25, ás 20,00 horas tamén no Elma, Teatro En Punto estreará Josefina máis eu, montaxe dirixida por Gloria Rico Galán, a partir de textos de Margarita Nelken e Carmen de Burgos sobre a vida de Josefina Blanco.

‘Tirano Banderas’ para escolares

Ademais, os centros educativos terán o seu propio espazo os días 27 e 28 de outubro ás 11,30 horas, cando Teatro Cachirulo achegue a adaptación de monicreques de Tirano Banderas ao alumnado dos centros de Primaria Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra, respectivamente.

Finalmente, o venres 30 de outubro terá lugar a xornada central en lembranza do nacemento do autor. Desde as 12,30 horas haberá unha ruada musical tradicional polo centro da vila co grupo GMT Caraveiros, que culminará ás 13,00 horas coa tradicional ofrenda cívica ante o monumento a Valle-Inclán, no Cantón da Leña. O broche ás xornadas chegará o sábado 31 de outubro no Teatro Elma, ás 20.00 horas, da man de Noitebras Teatro, que representará a peza Retablo do Esperpento, adaptando as obras Ligazón e A rosa de papel.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2026