O presidente da Xunta participou no Congreso de Campings de España que se celebra en Baiona

Rueda destaca o bo momento que vive o sector dos campings en Galicia e a súa contribución á desestacionalización do turismo

Salienta que uns 400.000 viaxeiros optaron por este tipo de establecementos no 2025, un 74% máis que hai dez anos

Galicia conta con máis de 37.500 prazas en 184 campings por todo o territorio

Afirma que forman parte do futuro do sector e da marca Galicia Calidade

Baiona (Pontevedra), 14 de outubro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o bo momento que vive o sector dos campings en Galicia, con máis de 37.500 prazas en 184 establecementos, e a súa contribución á desestacionalización do turismo.

Durante a súa intervención no Congreso Nacional de Campings de España, que se celebra en Baiona ata mañá, o presidente salientou que este tipo de establecementos, que permiten desfrutar de todo o que ofrece a comunidade –natureza, paisaxes, gastronomía ou tranquilidade-, forman parte “do noso futuro e da marca Galicia Calidade”.

Rueda lembrou que dos preto de nove millóns de viaxeiros que elixiu Galicia como destino turístico no 2025, uns 400.000 optaron por aloxarse nun camping, o que supón un 74% máis que hai dez anos. E as boas cifras do sector continúan neste 2026 con máis de 350.000 turistas e 1,3 millóns de pernoctacións en campings da comunidade.

O titular do Executivo galego salientou o “momento fantástico” e as “boas perspectivas” do sector turístico galego e lembrou que establecementos como os campings contribúen a dinamizar a economía local, fixan poboación, xeran emprego de calidade e promoven a desestacionalización do turismo.

Por último, salientou a importancia de colaborar co sector turístico e agradeceu o seu labor para ofrecer unha experiencia de calidade a uns visitantes “cada vez máis esixentes”, animando a seguir por este camiño ás portas do Xacobeo 2027, que vai ser “o gran ano de Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2026