A Xunta lanza a segunda edición de 2026 dos bonos Activa Comercio con outros 2,5 M€ de orzamento en descontos e un novo sorteo nas redes sociais

Rueda resalta que os consumidores poderán descargar os bonos, con ata 30 € de descontos, “desde este mércores” e estarán activos ata esgotarse o crédito inicial

Repetirase o sorteo en redes sociais —estreado na campaña realizada en maio— de catro bonos por valor de 250 €, de novo nas contas de Instagram e TikTok da Xunta

Os establecementos non se terán que inscribir de novo para participar na iniciativa, senón que segue vixente a adhesión da primeira edición do ano co obxecto de gañar en axilidade, en beneficio tanto das persoas comerciantes coma das consumidoras

En todo caso, se algún comercio non se sumara e agora quere facelo, ten de prazo aínda ata o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello vén de dar luz verde “a unha nova edición dos bonos Activa Comercio, co obxectivo de mobilizar máis de 8,5 millóns en compras en comercios de proximidade”. Para iso, “vanse destinar 2,5 millóns de euros a descontos de ata 30 euros por persoa beneficiaria”.

Trátase da segunda edición de 2026 dos bonos Activa Comercio, que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) co mesmo orzamento cá primeira (2,5 M €). Tal e como explicou Rueda, os bonos poderán descargarse “desde este mércores” e estarán activos ata esgotarse o crédito inicial.

Co gallo de dar unha maior visibilidade ás compras realizadas no comercio de proximidade e de incentivar tanto a demanda comercial coma a fidelización da clientela, nesta segunda edición repetirase o sorteo en redes sociais estreado na primeira campaña do ano, de novo nas contas de Instagram e TikTok da Xunta de Galicia. O premio serán novamente catro bonos por valor de 250 € cada un, para investir nos establecementos adheridos á iniciativa.

Os establecementos que xa participaron na primeira edición non se terán que inscribir de novo para participar, senón que segue vixente a súa adhesión co obxecto de gañar en axilidade en beneficio tanto das persoas comerciantes coma das consumidoras. En todo caso, se algún comercio non se sumou á anterior convocatoria e quere facelo agora, ten de prazo aínda deica o 15 de decembro ou ata que remate o crédito desta última edición deste ano.

Detalle da convocatoria

O programa dos bonos Activa Comercio ten como obxectivo incentivar a demanda comercial axudando economicamente ás persoas consumidoras e fomentando o consumo nos establecementos retallistas adheridos á campaña.

Cada bono terá un desconto de 30 euros para as compras realizadas nos comercios adheridos. A partir do mércores 28 de outubro (desde as 9.00 horas) as persoas consumidoras poderán descargar eses bonos desde a web www.bonosactivacomercio.gal e empregalos nos establecementos mediante o seu formato dixital QR.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Coma nas ocasións anteriores, cada persoa poderá descargar un único bono e non se limitará o número de usuarios que os poden descargar, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 M €, os bonos descargados xa non se poderán usar.

Por segunda vez desde o nacemento da iniciativa, convídase ás persoas consumidoras implicadas a participar nun sorteo, de novo nas contas de Instagram e TikTok da Xunta (@xuntagal e @xuntadegalicia, respectivamente). Deberán dar un “gústame” á publicación correspondente en calquera dos perfís, mencionar o cancelo #ComercioGalego, o establecemento onde mercaron, a localidade e unha persoa que poida estar interesada no sorteo. Os gañadores dos catro bonos de 250 € que se outorgarán como premio terán unha semana para reinvestilos nos establecementos adheridos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2026