O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración compareceu no Parlamento galego para explicar as contas do seu departamento para o vindeiro ano
A Xunta destina 5 M€ en 2027 ao despregamento do Plan Integral de Benestar Laboral e eleva o orzamento de Emprego, Comercio e Emigración por riba dos 500 M€
José González salientou tamén como un dos principais fitos do próximo ano a posta en marcha dun plan de microcredenciais en habilidades do futuro (8 M€) que permitirá recoñecer as primeiras formacións ao abeiro do marco pioneiro aprobado en 2026
A isto sumaranse 74,5 M€ destinados á formación de persoas desempregadas, con programas clave como as AFD, e os 12,8 M€ para a cualificación de persoas ocupadas, con liñas de formación a demanda como os Bonos Talento Empresa
Ademais, a Xunta conectará formación e emprendemento cunha liña de 1,5 M€ para impulsar iniciativas entre participantes de Rural Activo e obradoiros de emprego, e elevará o Bono Remuda a 1,7 M€ para favorecer a continuidade dos negocios
En 2027 tamén se deseñará a nova folla de ruta da Estratexia Galicia Retorna, con máis de 4 M€ para o Retorna Cualifica Emprego e as políticas de atracción de talento, e reeditaranse as axudas de rehabilitación de vivenda para traballadores (1,5 M€)
No comercio, impulsarase a dinamización do sector ao abeiro do Plan estratéxico, mantendo os Bonos Activa Comercio e reforzando a Rede de Mercados Excelentes, xunto coa creación da Rede Autonómica de Feiras e o impulso de Tendas Vivas
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración reforzará en 2027 as políticas de prevención e benestar laboral e avanzará na conexión da formación coas necesidades do tecido produtivo e cos incentivos á contratación, incorporando por primeira vez unha liña específica que vincula a cualificación co emprendemento para impulsar novas oportunidades de emprego e iniciativas empresariais no territorio. Ademais, continuará avanzando noutras áreas clave como a atracción de talento, nun ano no que a Xunta agarda que o Goberno central teña materializado o traspaso das competencias sobre as autorizacións iniciais de traballo.
Así o expuxo esta tarde o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento galego para presentar as contas do seu departamento para o vindeiro ano, que medran un 2,46 % ata superar os 507,5 M€. Entre as principais novidades, destacou o investimento de 5 M€ para comezar a despregar de xeito efectivo o pioneiro Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia. Isto implicará un reforzo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), que contará cun incremento de 1,3 M€, ata chegar aos 9,8 M€; a posta en marcha da Fiestra única galega de saúde laboral, un servizo específico para informar e asesorar sobre as medidas do plan; e novas actuacións de apoio ás pemes para avanzar en contornas de traballo máis seguras e saudables.
Formación adaptada ao tecido produtivo
En 2027 tamén se seguirá avanzando nunha formación flexible, especializada e conectada coas necesidades das empresas. Un dos principais fitos será a posta en marcha dun novo plan de formación en habilidades do futuro para o desenvolvemento e a fabricación de tecnoloxías estratéxicas en Europa (8 M€). A iniciativa permitirá poñer en práctica o marco de microcredenciais aprobado de xeito pioneiro en 2026, co recoñecemento das primeiras formacións ao seu abeiro e a participación de empresas, clústeres, asociacións e colexios profesionais no deseño de accións adaptadas a estas novas competencias. A isto súmanse os máis de 74,5 M€ para a formación de persoas desempregadas —que inclúe programas clave como as accións formativas AFD ou o Galicia Suma Talento: Plan de Formación Empresas— así como os 12,8 M€ destinados á cualificación de persoas ocupadas, nos que se integran liñas de formación a demanda como os Bonos Talento Empresa.
José González tamén salientou a importancia da colaboración coas entidades locais para adaptar a formación e as oportunidades de inserción laboral ás necesidades de cada territorio, a través de programas consolidados como os integrados de emprego (10,2 M€), Rural Activo (20 M€) ou os obradoiros duais, que contarán cun investimento global de 45 M€. Estes últimos inclúen tanto as actuacións impulsadas en colaboración cos municipios como a cooperación con sectores estratéxicos iniciada en 2026, na liña dos convenios subscritos coa Mancomunidade de Montes de Vigo e a Fundación Laboral da Construción.
Incentivos á contratación, colectivos prioritarios e traballo autónomo
A Xunta manterá tamén o foco nos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado. Neste marco, o programa Galicia Suma Talento: Emprégate incrementará ata preto de 5 M€ as axudas á contratación indefinida da mocidade e ata 3,5 M€ as destinadas ás persoas desempregadas de longa duración, ademais de manter a liña para favorecer a incorporación de mulleres a sectores masculinizados (1,2 M€). En paralelo, a Estratexia Mocidade Activa dará continuidade a outras medidas para facilitar o acceso ao emprego dos máis novos como o Primeira experiencia profesional (7,2 M€) —que inclúe unha liña para a contratación de aprendices no sector artesanal—; o Programa Investigo (4,8 M€) para impulsar a contratación no eido da investigación e o I+D+i; e os incentivos á contratación vencellados ao Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (6,5 M€).
As medidas de apoio ao emprego estenderanse tamén ás persoas afectadas polos procesos de transformación de diferentes sectores produtivos. Así, Galicia destinará máis de 1,6 M€ do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) á recualificación e reincorporación laboral de persoas afectadas por despedimentos na automoción, e máis de 2,4 M€ do Fondo de Transición Xusta ao proxecto Activa Verde, destinado ás persoas afectadas polo peche das centrais térmicas.
A aposta polo emprego complétase co apoio crucial ao traballo autónomo, que contará con máis de 42 M€, incluído o paquete único de axudas que reúne os principais apoios ao colectivo. Entre as novidades, destaca o reforzo do Bono Remuda, cuxa dotación aumentará ata os 1,7 M€ para dar resposta á crecente demanda desta liña, facilitar o traspaso de negocios e garantir a continuidade da actividade económica.
Atracción de talento e apoio ao retorno
O titular de Emprego incidiu tamén no plan galego de atracción de talento, que abarca medidas para favorecer o retorno da diáspora e tamén para persoas traballadoras de 3º países. Salientou que en 2027 Galicia contará cunha nova folla de ruta para dar continuidade á Estratexia Galicia Retorna. Neste marco, o programa Retorna Cualifica Emprego e o conxunto das políticas de atracción de talento do exterior disporán de máis de 4 M€, aos que se engaden 2,8 M€ para as axudas extraordinarias ao retorno. A esta aposta sumaranse a celebración de novas feiras de emprego no exterior e as bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (2,5 M€), que veñen de acadar a súa 10ª edición como ferramenta consolidada para atraer talento cualificado. En paralelo, a Xunta continuará avanzando na necesaria integración sociolaboral das persoas migrantes recentemente regularizadas en liña coas necesidades do tecido produtivo mediante convenios de colaboración co terceiro sector (1,7 M€ en 2027). Ademais, reeditaranse as axudas para a rehabilitación de vivendas no rural para persoas traballadoras (1,5 M€).
Emprendemento, comercio de proximidade e economía social
No ámbito do emprendemento (10 M€), reforzarase a Rede de polos, núcleo da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio. Como novidade, José González anunciou ademais unha partida de 1,5 M€ para impulsar iniciativas emprendedoras de persoas procedentes de programas como Rural Activo ou os obradoiros de emprego, vinculando por primeira vez a formación coa creación de negocios adaptados ás necesidades de cada territorio, especialmente no rural. Ademais, crearase a Rede galega de colivings para atraer talento, dinamizar as contornas rurais e contribuír a fixar poboación.
O comercio local avanzará na súa modernización e dinamización ao abeiro do Plan estratéxico do sector, mantendo medidas estrela como os Bonos Activa Comercio e novidades como a creación da Rede Autonómica de Feiras ou o impulso de Tendas Vivas para recuperar a actividade comercial en concellos que carecen dela. Ademais, darase continuidade á colaboración cos concellos para a modernización das prazas de abastos e a ampliación da Rede de Mercados Excelentes. Finalmente, González reafirmou o compromiso coa economía social e o cooperativismo (45 M€). Desta contía, 27 M€ destinaranse aos centros especiais de emprego, mentres que as empresas de inserción disporán de preto de 2 M€, cun incremento do 30 %.