A Xunta apoia 97 entidades con preto de 274.000€ euros co fin de impulsar a promoción e a comercialización da artesanía galega

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta convocatoria de 2026, da que se beneficiaron un total de 90 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, dúas asociacións profesionais de persoas artesás e cinco concellos

As achegas están orientadas a apoiar a organización e participación en feiras e eventos de comercialización da artesanía, tanto dentro da nosa Comunidade como no ámbito estatal ou internacional

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para a promoción da artesanía galega e o fomento da súa comercialización neste ano 2026. En concreto, 90 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, dúas asociacións profesionais e empresariais de persoas artesás e cinco concellos resultaron beneficiarios dunha contía global de preto de 274.000 euros co fin de darlle un pulo ao sector artesán, que destaca polo seu dinamismo vertebrador do territorio, xerador de emprego e fixador de poboación especialmente no rural.

As achegas están orientadas a apoiar a organización e participación en feiras e eventos de comercialización de artesanía, tanto dentro da nosa Comunidade como no ámbito estatal ou internacional, co obxectivo de impulsar a difusión e comercialización da artesanía galega. Perséguese así consolidar as actividades artesanais en Galicia, que abranguen unha longa lista de oficios que se traduce nunha oferta produtiva moi diversificada que pode responder de xeito eficaz ás esixentes demandas do mercado actual.

No caso dos obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, a Xunta apoia con estas achegas aspectos como o alugueiro do espazo expositivo, seguros, servizos de carácter básico e obrigatorios sinalados polo regulamento das feiras, servizos de tradución e transporte profesional do material expositivo, entre outros.

En canto ás axudas a concellos e asociacións profesionais ou empresariais de persoas artesás, outórganse para que organicen feiras ou eventos de comercialización da artesanía en Galicia que poñan en valor os distintos oficios ao tempo que os obradoiros implicados aumentan vendas. En concreto, subvenciónanse gastos de infraestrutura, servizos feirais e de publicidade, entre outros.

No caso dos concellos, as axudas abarcan tanto para a organización de feiras monográficas —as que son dun mesmo oficio tradicional— como non monográficas —as que inclúen distintos oficios—.

Data de actualización: 15/10/2026