O presidente do Goberno galego visitou hoxe o fin de obra da terceira fase dos traballos de mellora nesta estrada autonómica
Rueda subliña o compromiso da Xunta coa seguridade viaria tras completar o acondicionamento integral da PO-235 na Lama
Destaca que a actuación nos case sete últimos quilómetros entre Seixido e A Portela da Cruz supuxo un investimento de 4,1 millóns de euros
Afirma que o obxectivo prioritario destas intervencións é conseguir estradas máis seguras e viaxes máis cómodas, eliminando tramos estreitos e curvas de radio reducido
Sinala que as contas do vindeiro ano destinarán máis recursos ao mantemento e conservación da rede de estradas autonómicas
A Lama (Pontevedra), 16 de outubro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o fin de obra da terceira e última fase do acondicionamento da estrada PO-235, no concello pontevedrés da Lama, onde destacou que con esta actuación se completa o plan de mellora integral desta vía tras destinar un total de 8 millóns de euros ao longo dos últimos anos.
“Así se vertebra a Galicia interior, que é tan importante como a Galicia de zonas máis poboadas, porque a xente ten que escoller onde quere vivir, e para iso hai que darlle servizos á altura”, indicou, ao mesmo tempo que asegurou que a aposta da Xunta é que haxa tamén “Galicia Calidade nas estradas e na seguridade viaria”.
Durante a visita, na que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, Rueda puxo en valor que os traballos desenvolvidos neste último tramo —que abarcou preto de sete quilómetros entre Seixido e A Portela da Cruz, no límite coa provincia de Ourense– deron resposta a unha demanda histórica da veciñanza e do Concello. “Con 4,1 millóns de euros completamos o arranxo integral de toda esta estrada”, salientou.
Neste sentido, fixo fincapé en que o obxectivo destas obras foi acadar unha infraestrutura máis segura e cómoda que facilite os desprazamentos cotiáns. Así, a reforma permitiu corrixir o trazado sinuoso orixinal, substituíndo curvas pronunciadas e consecutivas por trazados máis rectos e dotando a calzada dun firme renovado, carrís máis anchos, mellor sinalización e elementos de protección adaptados ás necesidades da zona. Así mesmo, agradeceu a paciencia á veciñanza durante a execución dos traballos, condicionados polas complexidades climatolóxicas e invernais propias da comarca.
Máis estradas pero tamén máis mellora e conservación
O presidente da Xunta subliñou que a seguridade viaria constitúe unha prioridade absoluta para o Goberno galego, que conta cunha rede de estradas autonómicas que supera os 5.500 quilómetros.
Así, lembrou que o Executivo compaxina a construción de novas vías de altas prestacións —como a prolongación da AG-59 cara á Estrada ou a VAP Tui-A Guarda— cun esforzo sen precedentes na conservación e mellora das infraestruturas xa existentes, coma no caso desta PO-325. A este respecto, o orzamento destinado este ano ao mantemento e conservación viaria acadou a cifra histórica de máis de 71 millóns de euros e, tal e como valorou Alfonso Rueda, as contas do ano que vén reservarán unha partida maior “non só para facer novas estradas, senón tamén para conservar as que están feitas”.