Manuel Pardo clausura o programa integrado de emprego da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense

O delegado destacou que neste PIE a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou 220.000 euros para formar un cento de persoas desempregadas que recibiron os correspondentes diplomas acreditativos

Durante a visita, o representante do Goberno galego explicou que o obxectivo deste programa é que un mínimo do 46% do total das participantes atope traballo ao final da súa formación

A Xunta fixa como destinatarias prioritarias dos programas, entre outros colectivos, as persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30, maiores de 52 anos, inmigrantes ou parados de longa duración

Ourense, 16 de outubro de 2026

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá, na sede da  Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer AFAOR, na clausura do Programa Integrado de Emprego (PIE) levado a cabo por esta entidade, ao que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou 220.000 euros para formar  un cento de persoas desempregadas entre os que se atopaban persoas con discapacidade, menores de 30 anos ou mulleres e que recibiron os correspondentes diplomas acreditativos.

Durante a visita, o delegado da Xunta sinalou que nun período de 12 meses leváronse a cabo actividades de orientación e asesoramento personalizado, formación, técnicas de motivación, desenvolvemento de habilidades sociolaborais ou obradoiros para preparación de entrevistas.

Tal e como explicou Manuel Pardo, o obxectivo deste programa é que un mínimo do 46% do total das participantes atope traballo ao final da súa formación, aínda que como lembrou, xa se superou esta cifra en pasadas edicións.

Finalidade do programa

O Programa Integrado de Emprego (PIE)  de AFAOR orientouse  a mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas demandantes de emprego con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral.

Deste xeito, Manuel Pardo salientou a oportunidade das persoas beneficiarias do PIE de establecer contacto  co tecido empresarial, a prospección de oportunidades e a posibilidade de prácticas profesionais non laborais.

Na entrega de diplomas acreditativos, o delegado da Xunta felicitou ao alumnado polos éxitos acadados unha vez rematada a formación específica en fundamentos de atención á clientela, xestión de residuos, tele asistencia e acompañamento de transporte escolar.

Os Programas Integrados de Emprego

Os programas integrados de emprego están dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas en situación de desemprego mediante accións, entre outras, de información, orientación e asesoramento, formación e técnicas de desenvolvemento persoal ou prácticas profesionais non laborais. A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR) é un centro de formación para o emprego acreditado desde 2021 pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e forma parte activa das políticas para o fomento do emprego digno na nosa comunidade autónoma.

A Xunta trata como colectivos prioritarios a atender por medio dos programas integrados de emprego as persoas con discapacidade, persoas en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas migrantes cunha autorización de residencia temporal por motivo de arraigamento para a formación, persoas menores de 30 anos cualificadas, persoas maiores de 52 anos, persoas desempregadas como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo presentado nos 12 meses anteriores, persoas desempregadas de longa duración, persoas inmigrantes e mulleres.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2026